[16-04-2011] O colectivo Circonove vai encher O Milladoiro de malabares, música, xantares populares e moita festa para achegar ao público en xeral o arte do novo circo. Neste I Encontro Internacional de Malabaristas, que se celebrará durante esta fin de semana, estarán presentes máis de 150 malabaristas de diversas procedencias e terán lugar variados espectáculos así como concertos -Fracasados de Antemano, Fluzo, Aló Django e Labregos dos tempos dos Sputniks-, xantares populares e pasarrúas. Aqueles que desexen asistir contarán con distintas modalidades de entradas segundo os seus intereses.
O colectivo Circonove, afincado no Milladoiro, organizou para o venres 15, sábado 16 e domingo 17 unha serie de espectáculos destinados a achegar ao público en xeral ás habilidades dos integrantes do chamado "novo circo", co que pretenden facer as delicias dos veciños e veciñas do concello e dar así a coñecer as súas actividades e as dos 150 artistas procedentes de diferentes recunchos de Europa -como o Reino Unido ou Toulusse- de América -Arxentina- de outras partes do Estado -Valencia, Bilbao, etc- e de outras vilas galegas que asistirán ao Milladoiro para mostrar as súas artes en materia de malabares, así como lograr financiamento para as súas actividades e establecer contacto cos artistas e afeccionados de diversas orixes. O programa compleméntase con concertos, sesións DJ, xantares populares e pasarrúas.
Venres 15
O venres ás 16:00 horas terá lugar na nave de Circonove, sita no Milladoiro na Rúa Palmeiras 69-B, a recepción oficial e presentación ao público de todos os artistas que participarán nesta primeira edición e trinta minutos máis tarde, ás 16:30 horas, abriranse na mesma nave os obradoiros de formación nos que os interesados poderán aprender a facer malabares, acrobacias, espectáculos clown, maquillaxe de teatro etc, así como ter acceso á ludoteca para os máis cativos e cativas da casa.
Xa pola tardiña, ás 19:30 horas, na praza de Manuel Murguía celebrarase un espectáculo de rúa co que poderán gozar todos os veciños e veciñas, así como aquelas persoas que se acheguen dende outros puntos de Galicia. Ás 21:00 horas, na Casa da Cultura, terá lugar un espectáculo de cabaré -Open Stage- aberto á participación de todos os asistentes ao encontro que poderán coñecer as novas propostas e tendencias do mundo do Novo Circo. Chegadas as 23:00 horas, aproveitando a escuridade e na parte exterior da Casa da Cultura, os artistas levarán a cabo un espectáculo de malabares con fachos de lume que ás 24:00 dará paso no pavillón do Milladoiro aos concertos de Fluzo, un grupo de hip-hop galego formado por Javi Álvarez e Hevi, e Fracasados de Antemano, grupo da Coruña que tocan ska, rock ou funk.
E para rematar a primeira noite de encontro a altas horas da madrugada, a música continuará cunha sesión DJ da man de DJ Amnémesis.
Sábado 16
O sábado os espectáculos comezan xa pola mañá, de tal xeito que ás 11:00 h. celebrarase o Pasarrúas Pirata que percorrerá as rúas do Milladoiro ata a praza de Manuel Murguía, un espectáculo cuxa intención é agradecer aos veciños e veciñas o feito de ter acollido o primeiro Retruke e destinado especialmente ás familias.
Ás 12:00 horas, na nave do circo retomaranse os obradoiros. Haberá un descanso para xantar e retomaranse ás 17:45 h. da tarde. Unha hora antes, ás 16:15 h. na praza de Murguía volverá o espectáculo de rúa.
Ás 22:00 horas celebrarase no auditorio da Casa da Cultura a gran Gala que recollerá os mellores espectáculos dos artistas que se darán cita nesta primeira edición do encontro. Pasada a media noite, ás 24:15 horas, celebraranse no pavillón os concertos de Aló Djiango -un proxecto galego que busca a inspiración no jazze na música xitanos manouche centroeuropeos- e de Labregos dos tempos dos Sputniks -unha formación na que conflúen o Leo i Arremecághona e MC García dos Dios Ke Te Crew. Entrada xa a madrugada, ás 2:30 h. a nave de Circonove acollerá o "renegado", unha festa rachada cuxa finalidade non é tanto demostrar ao público as excelentes habilidades dos artistas como que estes elaboren os malabares máis disparatados para levar ao público ás gargalladas e conseguir así unhas horas de humor circense. Mais, os que prefiran rematar a noite con música, tamén a partir das 2:30 h. da mañá poderán gozar no pavillón dunha sesión DJ a cargo de Capuzzi & Friends.
Domingo 17, Olimpíada de Malabares
Para rematar este I Encontro de Internacional de Malabaristas, o domingo ás 12:30 h. na Praza de Murguía celebrarase a Olimpíada de Malabares de carácter lúdico-competitivo no que o público poderá admirar os xogos de malabares dos artistas ao tempo que dos hilarantes exercicios de resistencia con cinco pelotas, dos lanzamentos de queixo de tetilla ou da carreira de malabares atados cos amallós dos zapatos atados, logrando deste xeito provocar as risas do público.
Prezo das entradas
Os prezos das entradas varían segundo a súa modalidade. Se se quere acudir aos espectáculos de pago dos tres días pódese mercar unha entrada única para todos estes espectáculos que custa 20 euros por adiantado e 25 no despacho de billetes. Con esta entrada poderase asistir ao encontro, aos talleres do venres e do sábado, ao Open Stage o venres e á Gala do sábado 16 e recibirase con esta unha camiseta de regalo.
Aquelas persoas que queiran asistir só a todo o programado para o venres, teñen a opción de mercar unha entrada de 12 euros que lles permitirá acudir á recepción oficial, ao Open Stage e aos obradoiros que se celebran este venres. Aqueles que prefiran ir só aos espectáculos do sábado poderán mercar unha entrada de 15 euros coa que poderán acceder a todo o programado para o sábado.
Se prefiren acudir só ao Open Stage do venres a entrada custa só 4 euros e aqueles que prefiran asistir só á Gala do sábado ás 22:00 horas, a entrada custa 7 euros. O resto de actos programados son totalmente gratuítos.




