Pestanas principais

Ames acolle esta fin de semana a fase rexional do campionato de patinaxe artística

Venres, 10 de febreiro de 2017

[10-02-2017] O club de patinaxe Omega e maila Federación Galega de Patinaxe, en colaboración co Concello de Ames, organizan o campionato de categoría rexional de patinaxe artística que se celebra o sábado 11 e domingo 12 de febreiro no pavillón municipal do Milladoiro. Neste evento participan 100 patinadores de toda Galicia (A Coruña, Santiago, Oroso, Vigo, Porriño, Gondomar...). En concreto, do concello de Ames participan 22 patinadoras: 14 patinadoras do Club de patinaxe Omega e 8 do club de patinaxe Sarela. Patinarán rapaces e rapazas de entre 7 a 20 anos, que se encadran nas categorías benxamín, alevín, infantil, cadete e absoluta.

O campionato comeza o sábado, 11 de febreiro, pola maña, ás 10:00 horas, coas patinadoras de categoría infantil (12-13 anos). Pola tarde, a partir das 15:30 horas, será a quenda das categorías alevín (10-11 anos) e benxamín (ata 9 anos). O domingo a competición tamén comezará a partir das 10:00 horas coas patinadoras das categorías cadete (14-15 anos) e absoluta (a partir dos 16 anos).

O club de patinaxe Omega presenta 2 patinadoras na categoría benxamín, 6 patinadoras en categoría alevín, e outras 6 patinadoras na categoría infantil, mentres que o club de patinaxe Sarela presenta a este campionato 1 patinador e 1 patinadora na categoría alevín, 4 patinadoras en categoría infantil, e 2 patinadoras en categoría absoluta.

O patinaxe é unha das modalidades deportivas que conta con máis usuarios/as nas Escolas deportivas municipais. Así, durante este curso un total de 238 rapaces e rapazas están practicando este deporte, que imparte no Milladoiro o Club patinaxe Omega e en Bertamiráns e en Barouta o Club de patinaxe Sarela.