[24-11-2016] As localidades de Bertamiráns e do Milladoiro acollerán durante os días 25, 26 e 27 de novembro un festival de maxia que está dirixido a todos os públicos. As actividades desenvolveranse nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro. Este ano como novidades haberá un espectáculo de maxia infantil para nenos/as de 0 a 6 anos, que se celebrará este venres, ás 18:30 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Ademais, ao igual que o ano pasado haberá tres pases da gala máxica internacional aos que poderán acudir preto de 600 persoas. Este festival está organizado polo Concello de Ames e conta coa colaboración da Rede Cultural da Deputación da Coruña.
A programación deste ano deu comezo o luns 21 de novembro nos centros de ensino amesáns. Dende o 21 ata o 25 os colexios e institutos, que teñen alumnado de terceiro de infantil ata terceiro da ESO, están acollendo distintos espectáculos de pequeno formato, unipersoais a cargo dos magos Dani García e Noel. As actividades do festival de maxia continúan mañá venres, ás 18:30 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns cun espectáculo de maxia infantil, para nenos/as de 0 a 6 anos, a cargo do prestixioso mago Rafa. Esta é unha das principais novidades desta edición do festival. Para este espectáculo quedan arredor de 40 entradas dispoñibles.
A principal actividade do XI Festival de Maxia de Ames será a Gala Máxica Internacional. Ao igual que o ano pasado haberá tres pases da gala máxica internacional aos que poderán acudir preto de 600 persoas. Esta gala, que está dirixida ao todos os públicos, estará presentada e dirixida polo mago Rafa e contará coa participación dos magos David Macc, Jorge Prieto, Olga Maslovska, Dani Polo e Héctor Sansegundo. Esta gala celebrarase o sábado 26 no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. Haberá dúas funcións, a primeira ás 17:30 h e a segunda ás 20:30 horas. Hai un aforo limitado de 216 butacas por función. No Milladoiro será o domingo 27 de novembro, ás 18:30 horas, no auditorio da Casa da Cultura. Neste caso tamén existe un aforo limitado de 146 butacas.
As entradas para asistir á Gala Internacional de Maxia, así como o espectáculo de maxia infantil, pódense mercar na Billeteira electrónica, á que se pode acceder a través dun banner situado na portada da páxina web municipal. As entradas teñen un prezo de 2 euros para maiores de 18 anos e 1 euro para menores de 18 anos. A venda de entradas para a Gala Máxica está indo moi ben. Nestes intres xa quedan moi poucos billetes dispoñibles. Para o espectáculo de Bertamiráns, ás 17:30 h, quedan 4 entradas, e para o das 20:30 h, tan só hai dispoñible 1 billete, mentres que no Milladoiro xa están todas esgotadas.
Obradoiros de maxia
Ademais, o sábado 26 en Bertamiráns e o domingo 27 no Milladoiro, en horario de 11:00 a 12:30 horas, impartirase un obradoiro de maxia a cargo dos magos Dani García e Noel. Está dirixido a nenos e nenas de entre 8 e 14 anos e ofértanse un total de 50 prazas (25 en Bertamiráns e 25 no Milladoiro). É necesario inscribirse e pódese facer chamando ao número de teléfono 981 53 59 40, ata o 25 de novembro, en horario de 9:00 a 14:00 horas. Para estes obradoiros aínda hai prazas dispoñibles.
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "Magia con seis artistas en el festival de Ames"




