Pestanas principais

Ames achegouse á cultura do pobo saharauí cunha Tarde de té no Milladoiro

Xoves, 23 de agosto de 2018

[23-08-2018] A contorna da piscina descuberta municipal do Milladoiro acolleu este mércores unha Tarde de Té coa que a Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS), en colaboración co Concello de Ames, achegou á veciñanza amesá a cultura do pobo saharauí. Os nenos e nenas saharauís que pasan os meses de verán en Ames, a través do programa Vacacións en Paz, exerceron de mestres de cerimonia dunha xornada na que se puido gozar da música e bailes saharauís, xogos populares, tatuaxes de henna e a tradicional cerimonia de té.


Vacacións en paz
O programa “Vacacións en Paz” é un proxecto de acollida temporal de nenas e nenos saharauís durante os meses de xullo e agosto, co que se pretende que os cativos e cativas gocen dunha estadía agradable, humana e culturalmente rica, baixo a supervisión e os coidados das familias acolledoras. As actividades organizadas pola asociación, como a instalación dun posto no festival Millarock, no mercadillo de Bertamiráns ou esta Tarde de té, tamén estiveron enfocadas a servir como punto de información para todas aquelas persoas interesadas en saber máis deste programa. Para máis información sobre Vacacións en Paz ou o traballo da asociación, os e as interesados/as poden contactar a través do correo electrónico info@sogaps.org ou do número de teléfono 609 764 945, da voceira e coordinadora da SOGAPS na zona, Esther Ybarra.

Recepción na Casa do Concello
Os 4 nenos e 3 nenas saharauís que están están a pasar un verán inesquecible en Ames, Jadiya, Aicha, Ensaha, Jalil, Brahim, Alien e Hassana, serán recibidos no Salón de Plenos do Concello o próximo martes, 28 de agosto, ás 12:00 horas. Á recepción, como nos últimos anos, acudirá tamén Alina, unha nena rusa que pasa o verán cunha familia de Ames dende hai cinco anos.

O obxectivo desta Tarde de té era o de achegar á veciñanza amesá as tradicións e costumes do pobo saharauí, así como ofrecer unha tarde de diversión coas súas familias de acollida aos rapaces e rapazas que están a pasar o verán no concello no marco do programa Vacacións en Paz. A xornada estivo organizada pola Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS), en colaboración co Concello de Ames.

Deste xeito, e durante tres horas, os asistentes puideron observar, da man dos nenos e nenas saharauís, como se desenvolve a tradicional cerimonia do té ao tempo que puideron probar o resultado. Asemade, ao longo da tarde, os rapaces e rapazas tamén elaboraron tatuaxes de henna e ensinaron bailes e música tradicionais do Sáhara. A actividade levouse a cabo ao carón da piscina municipal do Milladoiro, onde se instalou unha jaima decorada con elementos e adornos propios do Sáhara, así como fotos dos campamentos e do Hospital Galicia, para o que se están a recadar fondos destinados á compra e envío de menciñas en setembro. Este centro foi montado hai dous anos pola asociación para asistir aos refuxiados saharauís nos seus campamentos.

Contido relacionado


Compostela 24 horas: "Ames coa cultura saharauí nunha tarde adicada ao té"