[01-12-2017] O sábado, 2 de decembro, o Concello de Ames acenderá o alumeado de Nadal. Farao cun acto, organizado para ás 18:30h na Casa do Concello, en Bertamiráns. A partir dese momento, as principais rúas do Milladoiro, Bertamiráns e das parroquias amesás quedarán engalanadas ata o vindeiro 6 de xaneiro. Os preto de cen arcos das rúas, os arcos de Boas Festas e a iluminación das prazas dos núcleos urbanos e dos principais edificios completarán a decoración destas festas invernais.
A inauguración da decoración terá lugar este sábado, 2 de decembro, ás 18:30 horas, na Casa do Concello de Bertamiráns. Miguel Bautista Vaquero, alumno de 5º curso do Milladoiro e autor da carta de nadal 2016 que foi elixida para ilustrar o programa de actividades do concello deste ano, será o encargado de acompañar ao alcalde de Ames, José Miñones, no acendido do alumeado de Nadal. O acto, que se celebrará na Casa do Concello de Bertamiráns, contará co actuación musical do grupo As Amaianas, quen previamente estará amenizando o mercado de rúa que se celebra todos os sábados en Bertamiráns.
As rúas que disporán de decoración son aquelas que concentran un maior número de paseantes, tanto no Milladoiro como en Bertamiráns. As prazas, os farois e as fachadas dos principais edificios municipais engalanaranse tamén para as festas. Así mesmo, as persoas que visiten os principais núcleos urbanos serán recibidas e despedidas con mensaxes de Boas Festas, que se situarán nas entradas e saídas dos principais tramos municipais. O alumeado de Nadal manterase ata o 6 de xaneiro.




