[01-12-2012] O próximo venres 14 de decembro acenderase a iluminación de Nadal en Ames. O Concello ten preparado para esa tarde un conxunto de actividades mediante as que se dará comezo de xeito simbólico á época de Nadal e se impregnará do espírito de festa a todo o municipio. Nesta ocasión, ademais do tradicional acendido, están previstas varias iniciativas que compoñerán un completo acto co que os veciños e veciñas amienses poderán dar benvida a estas datas. Durante a tarde, haberá musica, premios e chocolate con churros.
O acto comezará ás 18:00 horas na Casa do Concello. Entre as actividades programadas para esa tarde destaca unha actuación dos nenos e nenas da Escola Municipal de Musica de Ames (EMMA).
Ademais, procederase á entrega dos premios aos gañadores do sorteo que se celebrará este luns, 3 de decembro, entre todos os clientes que pasaron polos 15 locais hostaleiros que conformaban o Roteiro dos petiscos e a todas aquelas persoas que fixeron algunha compra nos comercios adheridos á Festa das Compras. Tamén se fará entrega dunha distinción ao establecemento gañador do Roteiro dos Petiscos.
Durante o acendido das luces do Nadal servirase chocolate con churros. A encargada de pulsar o botón mediante o que se acenderán as luces será unha das nenas gañadoras do concurso de cartas aos Reis Magos do pasado Nadal.
A iluminación ornamental para as festas de Nadal do Concello de Ames estará composta por 75 elementos decorativos repartidos por todo o territorio municipal. Estes elementos colocáronse nas principais rúas comerciais de Bertamiráns e do Milladoiro e en diferentes espazos da zona rural. Cómpre salientar que o Concello de Ames sufraga integramente o custo total deste servizo ornamental, ao que se destinan 21.000 euros.
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "El alumbrado navideño de Ames se encenderá el día 14"
El Correo Gallego: "Ames iluminará su Nadal con música y chocolatada el día 14"
El Correo Gallego: "Ames acenderá a iluminación de Nadal o 14 de decembro"




