Pestanas principais

Ames abre un proceso selectivo para optar a unha bolsa de traballo de educador e/ou asistente infantil nas escolas municipais

Sábado, 28 de marzo de 2015

[28-03-2015] O Concello de Ames acaba de convocar un proceso selectivo para a creación dunha bolsa de traballo de educadores e/ou asistentes infantís para a cobertura temporal destes postos nas dúas escolas infantís municipais de primeiro ciclo, O Bosque e A Madalena. As solicitudes presentaranse no Rexistro Xeral do Concello durante os dez días hábiles seguintes á publicación do anuncio nun dos diarios de maior tirada da comarca, no taboleiro de edictos e na web do Concello. O prazo remata o vindeiro 9 de abril.

O concello de Ames conta con dúas escolas infantís de titularidade municipal: O Bosque, en Bertamiráns, e A Madalena, no Milladoiro. Ambas as dúas suman un total de 209 prazas, que se distribúen en rangos de 0 a 1 ano, de 1 a 2 anos e de 2 a 3 anos. O persoal destas escolas infantís forma parte da plantilla municipal e o proceso selectivo responde a contratacións con carácter temporal que poidan xurdir nestes centros.  

A creación desta bolsa de traballo anulará calquera outra que poida existir no Concello de Ames, de características similares e para o mesmo tipo de postos, e, en concreto, queda anulada a bolsa de traballo de educadores/asistentes infantís creada mediante o Decreto 1160/2010, de 5 de outubro. O modelo de solicitude, o temario, o impreso de declaración xurada e o contido íntegro das bases poderá consultarse na oficina do Servizo de Recursos Humanos do Concello de Ames e tamén se poden descargar na sección de convocatorias (do apartado Ames-Dixital) da web municipal.