Pestanas principais

Ames abre o prazo para solicitar as axudas destinadas a material escolar e ás familias numerosas

Luns, 03 de novembro de 2014

[03-11-2014] O Concello de Ames acaba de abrir o prazo de solicitude de dúas liñas de axudas: as dirixidas ás familias numerosas do municipio e as que teñen como finalidade a adquisición de libros de texto e material escolar destinadas a alumnos de segundo ciclo de educación infantil para o curso 2014-2015. Un ano máis, o Concello de Ames mantén a súa aposta por estas convocatorias de axudas, que benefician ás familias do municipio.

Nos dous casos, os veciños e veciñas interesados/as en facer a súa solicitude contan cun prazo dun mes e teñen a súa disposición toda a documentación e información na páxina web municipal (www.concellodeames.org) e nos departamentos de Benestar Social e Educación. Concretamente, o prazo de presentación de solicitudes remata nos dous casos o 30 de novembro, aínda que ao ser domingo prorrogase ata o luns 1 de decembro. As solicitudes e a documentación requirida poden presentarse nos rexistros municipais de Bertamiráns e do Milladoiro.

Deste xeito, Ames convocou as axudas dirixidas a familias numerosas, que teñen como obxectivo axudar na actual conxuntura económica a aquelas familias que máis dificultades teñen para a crianza dos fillos. A contía total destinada a estas axudas é de 120.000 euros e a axuda consistirá no pagamento de 1.200 euros por unidade de convivencia. Os beneficiarios destas axudas serán aquelas familias numerosas que teñan a súa residencia habitual no municipio de Ames. Os interesados e interesadas poderán informarse dos requisitos e dos pasos a seguir nas oficinas do departamento de Servizos Sociais do Concello de Ames.

A concelleira de Benestar Social, María Eugenia Martín, destaca que, deste xeito, “no actual contexto económico, o Concello de Ames mantén todas as prestacións sociais, incluíndo as axudas de familia numerosa, sendo Ames un dos poucos municipios de Galicia que as mantén”.

Libros de texto e material escolar
No caso das axudas para a adquisición de libros de texto e material escolar destinadas a alumnos de segundo ciclo de educación infantil para o curso 2014-2015, a contía máxima destinada a esta convocatoria ascende a 18.500 euros. Desta liña de axudas beneficiáronse o ano pasado un total de 127 destinatarios.

Estas bolsas permitirán financiar os gastos efectuados desde o 1 de xullo ao 30 de novembro de 2014 en libros de texto, materiais curriculares e demais material didáctico e complementario. Poderán optar a estas subvencións os pais e nais -ou titores legais- dos nenos e nenas matriculados no curso escolar 2014/2015 nun centro de ensino sostido con fondos públicos, no nivel de Educación Infantil (2ª Etapa, de 3 a 5 anos).

Os requisitos que deberán cumprir os solicitantes son estar empadroados e residir de modo efectivo no Concello de Ames no momento da solicitude; as/os alumnas/os para os que se solicita as axudas deben estar matriculados no curso escolar 2014/2015 en centros de ensino sostidos con fondos públicos no nivel de Educación Infantil (2ª Etapa, de 3 a 5 anos); e que a renda per cápita da unidade familiar, computando os ingresos percibidos por todos os seus integrantes no exercicio 2013, non fora superior ao 100 % do IPREM anual con pagas extras fixado para o exercicio 2013 na cantidade de 7.455,14 euros.

As axudas teñen límites económicos por alumno que se establecen nas bases da convocatoria. Deste xeito, as unidades familiares cunha renda per cápita de menos do 50% do IPREM recibirán un importe máximo de axuda de 120 euros; as que conten cunha renda per cápita do 50% ata o 75% do IPREM, recibirán 100 euros, e para as unidades familiares con renda per cápita do 75% ao 100% do IPREM a axuda será de 80 euros.

Esta convocatoria de axudas volve a ter como destinatarios aos alumnos e alumnas de educación infantil (2º ciclo), por ser este colectivo o único non incluído na orde da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Abierto el plazo en Ames para las ayudas a libros y a familias numerosas"