Pestanas principais

Ames abre mañá as instalacións das piscinas municipais descubertas e da praia fluvial de Tapia onde se investiron 30.000 euros

Martes, 14 de xuño de 2016

[14-06-2016] Dende o 15 de xuño ata o 15 de setembro, as piscinas descubertas de Bertamiráns e do Milladoiro e a área recreativa de Tapia ofreceranlle á veciñanza amesá unha alternativa á costa galega. Este mércores comeza oficialmente o período estival en Ames xa que as piscinas descubertas municipais e a praia fluvial de Tapia abrirán ao público por primeira vez este ano. O horario de apertura das piscinas do Milladoiro e Bertamiráns será de 10:30 a 20:30 horas, de luns a domingo, mentres que na praia fluvial de Tapia o horario de apertura será de 15:00 a 21:00 horas, de luns a venres, e os sábados e domingos, de 11:00 a 21:00 horas. Durante estes horarios haberá servizo de vixilancia e socorrismo. Antes da apertura o goberno municipal investiu preto de 30.000 euros para acondicionar e mellorar estas instalacións.

Actuacións realizadas na praia fluvial de Tapia
En primeiro lugar, realizouse a preparación do céspede da praia fluvial de Tapia para que estea en condicións óptimas de cara ao inicio da tempada estival. Os traballos que se realizaron consistiron na sementado de novo céspede, previa preparación e aboado do terreo. Ademais, reparouse o sistema de rego para garantir a correcta implantación do céspede que se sementou, e o mantemento deste en condicións óptimas durante toda a tempada de utilización da mencionada área de lecer. Tamén se executou un pozo de barrena para garantir o abastecemento de auga neste lugar.

Outras das actuacións realizadas foi para acondicionar a área de aparcamento e mailas sendas peonís. Na zona de estacionamento estendeuse unha capa de zahorra. Tamén se aplicou formigón nas fochancas existentes neste lugar e realizouse unha limpeza exhaustiva do contorno da nave do club de piragüismo "Ribeiras do Tambre", dos aseos públicos e do muíño, xa que despois das inundacións que se produciron nos últimos meses tiñan moita terra acumulada. Ademais, cómpre salientar que durante os meses de verán habilitase unha finca anexa a estas instalacións para dispor de espazo suficiente de aparcamento. Todos estes traballos tiveron un custo de 21.000 euros.

Servizo de vixilancia e socorrismo
O servizo de vixilancia e socorrismo comezará a prestarse o día 15 de xuño e estará activo ata o 15 de setembro, incluídos os domingos e os festivos. O horario será ininterrompido, pero haberá diferencias entre Tapia e as piscinas. Así, na praia fluvial de Tapia haberá catro socorristas, mentres que nas piscinas municipais descubertas do Milladoiro e de Bertamiráns haberá dous socorristas en cada unha das piscinas.

Para completar os labores de vixilancia o Concello de Ames realizou un proceso selectivo para contratar a seis vixiantes que atenderán as instalacións das piscinas municipais descubertas do Concello de Ames durante o período estival. Estas persoas serán as encargadas de limpar as piscinas descubertas, controlar a entrada a estas instalacións e de manter a orde dentro dos recintos. Cada piscina ten asignados dous vixiantes, que desenvolverán as tarefas por quendas, polo que sempre haberá unha persoa traballando para manter as instalacións.

As piscinas descubertas de Bertamiráns e O Milladoiro e a área recreativa de Tapia, que se atopa ás beiras do río Tambre, convértense durante os meses de verán en lugares moi concorridos por todos os veciños e veciñas de Ames. Aínda que esta semana a predición meteorolóxica indica que vai a chover, de cara a vindeira semana parece que vai a mellorar o tempo para inaugurar a temporada estival en Ames. Estas instalacións preséntanse como grandes alternativas aos areais da costa galega.

Para que estas instalacións estean en perfectas condicións de cara ao inicio da temporada estival, o Concello de Ames estivo acondicionando as piscinas municipais descubertas e a área recreativa de Tapia durante as últimas semanas. Deste xeito, no Milladoiro, onde existen dúas piscinas (unha para as persoas adultas cunha profundidade de 2,10 metros e outra para os cativos que conta cunha profundidade de medio metro), limpáronse e pintáronse as casetas do servizo de socorristas e dos aseos/vestiarios; realizouse o mantemento habitual das duchas dos vestiarios; cambiouse o peche perimetral desta instalación; sementouse novo céspede e mellorouse o sistema de rego. Nestes traballos investíronse arredor de 6.000 euros.

Ademais, está previsto que a Deputación da Coruña aprobe a finais deste mes de xuño as obras de mellora que se van a executar na piscina municipal do Milladoiro con cargo ao Plan de Acción Social (PAS). A través deste plan provincial vaise a mellorar o pavimento que hai arredor do vaso da piscina e acometeranse obras para mellorar a accesibilidade nesta instalación. Segundo indican dende o goberno municipal estas obras levaranse a cabo de cara ao vindeiro ano.

En Bertamiráns existe unha única piscina que dispón dunhas dimensións de 27 metros de longo por 13 metros de ancho e unha profundidade de 1,70 metros. Neste caso realizáronse traballos de pintado nunha parede da cantina e na entrada da instalación; sementouse novo céspede; ampliouse en 120 metros cadrados a zona de céspede (con herba artificial) que existe arredor do vaso da piscina. Estas actuacións tiveron un custo aproximado de 3.000 euros.