[24-08-2016] As festas da parroquia de Ameixenda pechan o calendario de festividades do mes de agosto. Desenvolveranse ao longo dos días venres 26, sábado 27 e domingo 28. A veciñanza celebra as festas na honra da súa patroa, Santa Mariña, con misas solemnes, as actuacións de distintos grupos musicais e orquestras, así como xogos para os máis pequenos o domingo 28.
A coral “Amigos de Javier Otero” cantará a misa solemne que, o venres 26 ás 13:00 horas, abre as festas. Javier Otero, veciño da parroquia, comezaba fai 20 anos a súa carreira profesional na música sacra animado, precisamente, polo párroco de Ameixenda. O venres poderá cantar na misa do día da súa patroa e da Virxe das Dores. Trala misa terá lugar a sesión vermú, cuxa música porá o dúo Máster. Eles serán tamén os encargados de animar ao público a bailar pola noite, nunha verbena na que tamén tocará o grupo Tamarindos, orixinarios das illas Canarias e ben coñecidos nos campos de festa galegos.
O sábado 27 comezará de novo cunha misa solemne na honra ao Santísimo Sacramento. Dará inicio ás 13:00 horas e nela cantará a Coral da parroquia veciña de Bugallido. O grupo amesán de gaitas Os Castros tocará durante a sesión vermú, que tamén contará coa música da orquestra Zeltia. Esta última repetirá na verbena nocturna, na que compartirá escenario co dúo La Ricura.
O domingo, día da Virxe do Rosario, coincide co último día das festas. Ás 13 horas oficiarase a misa solemne na honra á Santa. Cantará a Coral madrileña Santiago Apóstol. A sesión vermú estará animada polo grupo Unión y Fuerza. A tarde dedicarase ás crianzas; nenas e nenos poderán xogar nos inchables gratuítos que se instalarán no campo da festa. Pola noite o grupo Unión y Fuerza repetirá na verbena que pecha estes tres días festeiros.
Contido relacionado

La Voz de Galicia.:"Las verbenas encaran la recta final del verano con ritmo"




