Pestanas principais

A Ameixenda acolle o vindeiro domingo, 31 de agosto, o concerto do grupo Alana

Sábado, 23 de agosto de 2025

O vindeiro domingo 31 de agosto, ás 20.00 horas, o campo da festa da Ameixenda acollerá o concerto do trío Alana composto por Antía Vázquez, Eloy Vidal e Pablo Castro. O grupo está a presentar o seu primeiro traballo, publicado no 2024, “O xeito á cantigha”. Esta actuación está sufragada pola Rede Cultural da Deputación da Coruña.

A Ameixenda poderá gozar o vindeiro domingo, 31 de agosto, ás 20.00 horas, do concerto de Alana, un proxecto musical formado por Antía Vázquez, Eloy Vidal e Pablo Castro, no que se combinan os sons da nosa música tradicional con ritmos de música electrónica e pop. 

Na actualidade, o grupo está a presentar o seu primeiro traballo, publicado no pasado ano 2024, “O xeito á cantigha”, onde se poden observar diferentes recollidas de cantigas tradicionais. De feito, o nome do traballo vén dado por unha gravación recollida de Dorothé Schubarth hai máis de 40 anos, recompilada no Cancioneiro Popular Galego, na que Delfina de Cerceda explica ‘o xeito á cántigha’ nas melodías das muiñeiras e das xotas. 

Este grupo de mozos están a gañar terreo dentro da escena musical galega, cunha proposta musical nova e fresca, na que apostan por melodías e sons únicos e, ademais, ofrecen un espectáculo moi potente a nivel escenográfico onde o baile e a tradición xogan un papel fundamental. Na súa curta traxectoria, Alana xa conta con varios recoñecementos ás súas costas e tocou nalgúns dos principais festivais do país, como o Festival Internacional do mundo celta de Ortigueira. 

Esta actuación enmárcase dentro da programación das festas da Ameixenda, que comezarán o vindeiro venres, día 29. Así mesmo, o concerto está sufragado pola Rede Cultural da Deputación da Coruña.

Novas relacionadas:

Diario de Santiago: "A Ameixenda, en Ames, acolle o vindeiro domingo, 31 de agosto, o concerto do grupo Alana"

A Ameixenda acolle o vindeiro domingo, 31 de agosto, o concerto do grupo Alana

Multimedia

  • A Ameixenda acolle o vindeiro domingo, 31 de agosto, o concerto do grupo Alana