- Tematica
Bertamiráns acolleu esta fin de semana a oitava edición do Ames Jazz, unha iniciativa que combinou diversas propostas musicais durante as noites do venres 4 e o sábado 5. O festival estivo protagonizado polos concertos dos recoñecidos músicos galegos de jazz a nivel internacional, Álvaro Vieito, en trío, e Yago Vázquez, tamén en trío. Ademais, o sábado houbo unha sesión vermú a cargo de Gloria Pavía e Rafa Morales e o faladoiro “A situación do jazz e da música galega”. Nesta edición estímase que aumentou a afluencia de público respecto a edicións anteriores. Arredor de 370 persoas participaron nas diversas actividades do festival, que ano tras ano vaise afianzando como unha cita musical ineludible do verán amesán.
O Pazo da Peregrina volveu ser o escenario do Ames Jazz os días 4 e 5 de xullo. O festival celebrou a súa oitava edición repetindo formato. Por cuarta vez na historia do festival tivo unha duración de dous días, o venres 4 e o sábado 5 de xullo, e contou cos habituais concertos e cun faladoiro relacionado co xénero musical do jazz. Ademais, este ano como novidade houbo unha sesión vermú no establecemento hostaleiro O Transistor.
Este ano a climatoloxía acompañou, xa que tanto o venres coma o sábado fixo boa noite, o que permitiu que un gran número de persoas se achegasen ata o Pazo da Peregrina para ver os concertos ofrecidos por Álvaro Vieito, en trío, e Yago Vázquez, tamén en trío. Nesta edición estímase que aumentou a afluencia de público respecto a edicións anteriores. Arredor de 370 persoas participaron nas diversas actividades do festival, que ano tras ano vaise afianzando como unha cita musical ineludible do verán amesán.
O alcalde e concelleiro de Cultura, Blas García, destacou “Ames volveu converterse durante unha fin de semana na capital galega do jazz. Para nós é vital seguir espallando cultura en todas as súas vertentes e facer que a nosa veciñanza poida desfrutar de espectáculos diversos. Dende o Concello de Ames estamos totalmente comprometidos con este festival, que ano tras ano vai sumando adeptos e mellorando as cifras de participación”.
A programación comezou o venres, día 4, ás 22.00 horas, co concerto de Álvaro Vieito Trío, guitarrista galego afincado en Sevilla dende hai moitos anos. Trátase dun referente no mundo do jazz dentro e fóra da nosa comunidade. Forma parte desa magnífica xeración de novos jazzistas galegos que seguen o ronsel dos grandes do xénero en Galicia como Ábe Rábade, Paco Charlín ou Baldo Martínez. O artista presentou o seu novo proxecto en formato de trío, no que o público gozou dunha experiencia íntima.
Sesión vermú con Gloria Pavía e Rafa Morales
A xornada do sábado comezou ás 13.00 horas cunha sesión vermú a cargo do dúo formado pola cantante Gloria Pavía e o baixista Rafa Morales, que se realizou no establecemento hostaleiro O Transistor. Neste concerto interpretaron temas propios pero tamén realizaron versións doutros temas clásicos baixo o seu selo persoal. Esta foi unha das novidades desta edición do Ames Jazz.
Xa pola tarde, ás 20.00 horas, houbo un faladoiro no que se debateu e se falou sobre a situación actual do jazz e da música galega. Estivo presentado pola xornalista Ana González, xornalista musical de Praza.gal, e contou coa participación de Marta Gómez, xornalista da TVG especializada no sector cultural; Manuel Gutiérrez, pianista de Jazz; e Ánxeles Porto, propietaria do pub de jazz Borriquita de Belém, en Santiago de Compostela.
Peche do festival con Yago Vázquez Trío
O festival rematou a noite do sábado cun concerto de Yago Vázquez Trío, pianista vigués que actualmente reside en Nova York e que é un dos máximos representantes no mundo do jazz a nivel internacional. O artista presentou no Ames Jazz o seu novo proxecto, tamén en formato trío, no que deleitou ao público coas súas últimas composicións. O seu ultimo disco, titulado Familia, foi seleccionado entre os 10 mellores discos do 2024 por NPR Alt. Latino.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "O festival Ames Jazz mellora as cifras con preto de 370 persoas nas súas actividades"
Bisbarra: "O Ames Jazz congrega durante dúas xornadas a case 400 persoas"
Diario de Santiago: "Álvaro Vieito Trío, Gloria Pavía e Rafa Morales e Yago Vázquez Trío protagonizaron a oitava edición do Ames Jazz"
























