Pestanas principais

Alumnos/as da Universidade de Santiago de Compostela e doutros centros de formación realizan prácticas laborais no Concello de Ames durante o curso 2013-2014

Venres, 11 de abril de 2014

[11-04-2014] Durante este curso 2013-2014 o Concello de Ames ofreceulle a posibilidade de realizar prácticas en diferentes departamentos a varios alumnos/as que están cursando distintas especialidades na Universidade de Santiago de Compostela, así como noutros centros de formación. Deste xeito, o Concello de Ames favoreceu a formación laboral destes alumnos/as, facendo unha aposta para mellorar e ampliar a súa formación, así como a súa empregabilidade e inserción laboral.

O Concello de Ames está adherido a través dun convenio coa FEGAMP ao acordo de prácticas coa Universidade de Santiago de Compostela (USC). No marco deste convenio, durante o curso 2013-2014 fixeron prácticas no departamento de Urbanismo dúas alumnas da primeira promoción do Máster en Avogacía, que organizan de xeito conxunto o Colexio de Avogados e a Universidade de Santiago de Compostela. Durante os últimos anos, xa estiveron neste mesmo departamento, tres alumnas da Escola de Práctica Xurídica e dúas alumnas de terceiro curso da Facultade de Dereito. Todas elas realizaron prácticas no departamento de Urbanismo.

Ademais, dous alumnos da Facultade de Políticas realizaron prácticas laborais no departamento de Secretaría. Outras cinco persoas, procedentes de diferentes ciclos formativos de Educación Infantil, realizaron as súas prácticas en escolas infantís dependentes do Concello de Ames.

O departamento de Promoción Económica acolleu a un alumno do curso de xestión de recursos humanos que estivo facendo prácticas no Concello, mentres que un alumno de FOREM Galicia de CC.OO., realizou traballos relacionados coa electricidade, dando apoio á brigada municipal de obras.

Por último, dentro da colaboración co IES de Ames, outros dous alumnos do programa de cualificación profesional inicial (PCPI) tamén fixeron prácticas no Concello. Este programa ten como finalidade previr o abandono escolar antes da finalización da escolaridade obrigatoria e abrir novas expectativas de formación e de titulación a mozos e mozas en situación de desvantaxe socio-laboral e educativa.