[30-04-2012] O alcalde de Ames, Santiago Amor, presentou esta mañá xunto á directora xeral de Comercio, Nava Castro, e á xerente da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, Elena Fabeiro, o programa didáctico ‘Enredando, artesanía na escola’ que se imparte no CEIP A Maía de Bertamiráns. Máis concretamente, presentaron o módulo Os vermes da seda nun acto no que tamén participou o concelleiro de Comercio, Promoción Económica, Traballo, Turismo e Educación, Bernardo Moar.
O colexio público A Maía é un dos dezanove centros educativos galegos que participan no proxecto ‘Enredando, artesanía na escola’, unha ambiciosa iniciativa que tivo moi boa acollida por parte dos case 4.000 alumnos e alumnas de educación infantil, primaria e secundaria de 15 vilas e cidades galegas que participaron na súa edición de 2011.
Os participantes nesta nova etapa da iniciativa, posta en marcha pola Consellería de Economía e Industria e que conta coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, terán a oportunidade de coñecer de preto o sector da artesanía, e coñecer dun xeito práctico como é o proceso de obtención da seda, participando activamente e implicándose no seu desenvolvemento. A Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño distribuíu entre as aulas escollidas o material e as ferramentas necesarias para desenvolver o proxecto.
Deste xeito, os alumnos do CEIP A Maía de Bertamiráns poderán coñecer e ser partícipes do proceso de produción da seda, dende a cría e evolución dos vermes ata a extracción da mesma para a confección do fío e a elaboración das teas empregando os teares. Durante a execución do proxecto os rapaces e titores contarán coa colaboración dun artesán que supervisará a evolución do proxecto e realizará algunha demostración en función do cumprimento dos prazos establecidos.
Concienciación da sociedade
O obxectivo é concienciar á sociedade do valor do produto feito á man, comezando polos máis novos, así como presentarlles aos rapaces que a artesanía pode ser tamén unha boa alternativa para o seu futuro laboral. Téntase atallar o problema da falta de relevo xeracional nos oficios máis tradicionais, de promover o desenvolvemento da artesanía galega a través da formación de futuros artesáns creadores e de achegarlle á sociedade o valor engadido da artesanía en canto á súa creatividade, patrimonio cultural e tradición.
Centros educativos das catro provincias galegas colaborarán neste proxecto, e poñerán a primeira pedra sobre a que se asentarán as actividades de posta en coñecemento dos oficios tradicionais, dirixidos aos máis novos da sociedade galega. Na provincia da Coruña participarán colexios de Ames, A Pobra do Caramiñal, Boiro, Rianxo e Padrón; na provincia de Lugo, acollerán o proxecto colexios de Castro de Rei, Outeiro de Rei, Begonte e Guitiriz; na provincia de Ourense colaborarán centros de Ribadavia, O Carballiño, Cea, Coles e Barbadás; e, na provincia de Pontevedra, contarán co proxecto colexios de A Cañiza, Salvaterra do Miño, Salceda de Caselas e Tui.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Nava Castro acerca a los alumnos de Bertamiráns a la artesanía con futuro"
La Voz de Galicia: "El programa didáctico «Enredando, artesanía na escola» llega al CEIP A Maía de Bertamiráns"




