Pestanas principais

Alumnos do CEIP de Barouta participan nun obradoiro sobre igualdade centrado na conmemoración do Día Internacional da Muller

Mércores, 07 de marzo de 2012

[07-03-2012] Enmarcado no seu labor para promover a igualdade entre mulleres e homes, a Concellaría de Asociacionismo, Igualdade, Muller e Xuventude desenvolveu desde o mes de xaneiro o programa de coeducación Educar en igualdade. A través deste programa formouse ao alumnado amiense para que se desenvolva e relacione plenamente sen prexuízos sexistas. Os obradoiros estiveron dirixidos aos nenos e nenas de quinto e sexto de primaria dos centros educativos de Ventín, Agro do Muíño e Barouta, onde hoxe remataron as actividades. Dentro deste programa, que conta cunha subvención da Deputación da Coruña, enmárcanse accións dirixidas á poboación infantil e xuvenil para favorecer a coeducación.

Conmemoración do Día Internacional da Muller

Este obradoiro de coeducación dá inicio ao programa de actos conmemorativos do Día Internacional da Muller no Concello de Ames. O Concello de Ames desenvolverá un completo programa de actividades con motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller o próximo 8 de marzo, xornada na que se instalará un panel cun gran lazo violeta na entrada da Casa Consistorial e se facilitarán chapas conmemorativas aos interesados en colaborar na súa difusión.

Ademais, este ano aproveitando a celebración da VIII Feira do Comercio Val da Maía no Pavillón Polideportivo de Bertamiráns e co fin de procurar a maior implicación posible da cidadanía, os actos centraranse na xornada do sábado 10 de marzo, na que terá lugar, ás 12:00 horas, a lectura dun manifesto institucional na que participarán representantes dos tres grupos municipais.

A Concellaría de Asociacionismo, Igualdade, Muller e Xuventude instalará no Pavillón Polideportivo o Mural pola Igualdade, elaborado en colaboración coas bibliotecas municipais, no que se presenta o conto Paconeves e as sete ananiñas, unha revisión do relato tradicional no que os roles aparecen cambiados coa intención de promover unha reflexión sobre a situación da muller na sociedade.

Todas persoas interesadas poderán colaborar deixando a súa mensaxe relacionada co Día da Muller sobre o mural. A cambio, recibirán unha chapa co lazo violeta que conmemora a xornada. Pola tarde, ás 17:00 horas, desenvolverase un obradoiro con nenos que aprenderán a elaborar monicreques mentres se conversa con eles co fin de difundir, tamén a través dos xoguetes, valores de tolerancia e educación non sexista.

A conmemoración do Día da Muller Traballadora terá continuidade a semana que vén, na que os obradoiros de igualdade se trasladarán ás bibliotecas municipais. Así, a Biblioteca de Bertamiráns acollerá a actividade o mércores 14, ás 18:00 horas, mentres a Biblioteca do Milladoiro o fará o xoves 15, tamén ás 18:00 horas.


O Concello de Ames, a través da Concellaría de Asociacionismo, Igualdade, Muller e Xuventude, puxo en marcha no pasado mes de xaneiro o programa de coeducación Educar en igualdade. A través deste programa, pretendeuse formar criticamente o alumnado dos centros de ensino de educación infantil e primaria amienses para desenvolverse e relacionarse plenamente sen prexuízos sexistas.

A finalidade que se perseguiu foi a de favorecer que na comunidade escolar se incorpore a perspectiva de xénero nas súas prácticas diarias, partindo da premisa de que os centros escolares constitúen un espazo idóneo para facer efectivo o principio de igualdade entre mulleres e homes ao influír nel unha diversidade de axentes socializadores que son clave para a erradicación do sexismo, como son as familias, os grupos de iguais e os sistema educativo como tal, con especial atención ás linguaxes.

Deste xeito, desenvolvéronse unha serie de obradoiros de coeducación nos centros educativos de Ventín, Agro do Muíño e Barouta. Hoxe pola mañá, o alumnado de quinto e sexto de primaria participaron no último obradoiro do programa Educar en igualdade. Anteriormente xa se realizaron estas actividades no CEP de Ventín e no CEIP Agro do Muíño. As sesións co alumnado tiveron unha duración de unha hora cada unha e foron eminentemente prácticas.

Para realizar os obradoiros de coeducación empregáronse fichas didácticas e materiais audiovisuais para o desenvolvemento das sesións. Os nenos/as puideron ver anuncios de publicidade e curtas audiovisuais para tratar o tema da igualdade. Traballouse arredor de tres temáticas: construíndo a nosa identidade; corresponsabilidade; e promoción de relacións igualitarias e prevención da violencia.