[01-03-2012] Un grupo de alumnos do segundo curso de Educación Infantil do CEIP Agro do Muíño, de 4 anos de idade, realizará mañá venres día 2 na Aula da Natureza do Concello de Ames un obradoiro para coñecer o funcionamento dos cinco sentidos e explorar como nos relacionan co que nos rodea. A actividade, impartida pola coordinadora da Aula da Natureza, contará cunha breve explicación do tema e diferentes exercicios prácticos, adaptados á idade do alumnado. Así, os nenos experimentarán primeiro como sería vivir nun mundo illado, sen sentidos (pechando ollos, oídos, nariz,...) para despois ir analizando, un por un, os mecanismos de relación co exterior.
Deste xeito, xogando co sentido do olfacto, os estudantes diferenciarán olores (anís, loureiro ou lavanda) e farán votacións sobre cales son os seus preferidos. Respecto ao oído, descubrirán distintos sons de animais e algúns propios da natureza (auga, lume, volcáns, vento ou chuvia). A actividade relacionada co gusto permitiralles degustar diferentes sabores, observando que parte da lingua os detecta mellor. Xogando co sentido do tacto, os rapaces deberán recoñecer cos ollos tapados que material están tocando, desde prendas de vestir ata madeira ou pedras. O obradoiro rematará cunha actividade relativa á vista, no que os alumnos poderán realizar un peixe de cores empregando unha pinza da ropa.
As concellarías de Medio Ambiente, Desenvolvemento Sostible e Sanidade e de Cultura, Educación e Patrimonio están a promover unha serie de actividades dirixidas aos centros de ensino e ANPAS do concello co obxectivo de unir esforzos en materia de educación ambiental. Así, o Proxecto de Educación Ambiental do Concello de Ames márcase como obxectivo o de fomentar o coñecemento e a valorización do medio ambiente, así como colaborar na formación dunha conciencia crítica cos problemas ambientais.




