Pestanas principais

Alumnos de Educación Infantil do CEIP Agro do Muíño participaron nun obradoiro sobre o coñecemento dos cinco sentidos na Aula da Natureza

Venres, 02 de marzo de 2012

[02-03-2012] Un grupo de alumnos do segundo curso de Educación Infantil do CEIP Agro do Muíño, de 4 anos de idade, participaron hoxe pola maña nun obradoiro para coñecer o funcionamento dos cinco sentidos e explorar como nos relacionan co que nos rodea. A actividade, impartida pola coordinadora da Aula da Natureza, contou cunha breve explicación do tema e diferentes exercicios prácticos, adaptados á idade do alumnado. Así, os nenos experimentaron primeiro como sería vivir nun mundo illado, sen sentidos (pechando ollos, oídos, nariz,...) para despois ir analizando, un por un, os mecanismos de relación co exterior.

Deste xeito, xogando co sentido do olfacto, os estudantes diferenciaron olores (anís, loureiro ou lavanda) e fixeron votacións sobre cales son os seus preferidos. Respecto ao oído, descubriron distintos sons de animais e algúns propios da natureza (auga, lume, volcáns, vento ou chuvia). A actividade relacionada co gusto permitiulles degustar diferentes sabores, observando que parte da lingua os detecta mellor. Xogando co sentido do tacto, os rapaces recoñeceron cos ollos tapados que material tocaron, desde prendas de vestir ata madeira ou pedras. O obradoiro rematou cunha actividade relativa á vista, no que os alumnos puideron realizar un peixe de cores empregando unha pinza da roupa.

As concellarías de Medio Ambiente, Desenvolvemento Sostible e Sanidade e de Cultura, Educación e Patrimonio están a promover unha serie de actividades dirixidas aos centros de ensino e ANPAS do concello co obxectivo de unir esforzos en materia de educación ambiental. Así, o Proxecto de Educación Ambiental do Concello de Ames márcase como obxectivo o de fomentar o coñecemento e a valorización do medio ambiente, así como colaborar na formación dunha conciencia crítica cos problemas ambientais.