Pestanas principais

Alumnado do CEIP A Maía visita a Casa do Concello para aprender sobre o seu funcionamento

Mércores, 23 de marzo de 2022

O salón de plenos da Casa do Concello, en Bertamiráns, acolleu o pasado xoves 17 de marzo ao alumnado de terceiro curso de educación primaria do CEIP A Maía, que se desprazou á casa consistorial para coñecer as súas funcións e como se desenvolven. Deste xeito, acompañada de parte do Goberno local, a rapazada descubriu que é e como funciona un pleno municipal, o labor dos concelleiros e concelleiras ou as competencias dunha administración local. Ademais, as rapazas e rapaces puideron trasladar as súas preguntas e dúbidas, así como facer varias suxestións para mellorar o concello.

Tras dous anos sen visitas escolares por mor da pandemia, os centros de ensino volveron ás instalacións do Concello de Ames, nesta ocasión con tres grupos de alumnas e alumnos de terceiro de primaria do CEIP A Maía. As rapazas e rapaces desprazáronse ata a Casa do Concello para coñeceren a través de parte do Goberno local como funciona unha administración municipal.

O alumnado do colexio amesán chegou ás dependencias locais ben preparado, con moitas preguntas e suxestións listas, xa que nas últimas semanas viñan de cursar a administración local nas súas clases, tal e como comentou o profesorado do centro.

Neste senso, o salón de plenos foi o lugar escollido para que os alumnos e as alumnas trasladasen as súas dúbidas a parte do Goberno local, co que mantiveron unha xuntanza. Acompañando á rapazada de terceiro de primaria estiveron o alcalde de Ames, Blas García; o concelleiro de Educación e Axenda Urbana, David Santomil; a concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero; o concelleiro de Urbanismo e Administración Xeral, Víctor Fernández; a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, e a concelleira de Deportes e Atención Veciñal, Susana Señorís.

Deste xeito, trataron de resolverse varias dúbidas e inquedanzas que o alumnado traía preparadas, como o custe dun parque público, canto tempo levaba o alcalde no seu cargo, ou ben se era posible facer máis parques caninos, carrís para bicicletas ou mesmo plantar máis árbores no seu colexio.

Outra das cuestións de maior interese foi o tema dos tributos, que foi explicado a través dos servizos de conciliación municipais, que unha meirande parte dos nenos e nenas xa coñecen. Aínda así, seguramente un dos momentos máis destacados foi cando as visitantes puideron ver e suxeitar o bastón de mando do alcalde.

Novas relacionadas

AMSGO!: "Nenas e nenos de Ames coñecen de primeira man a Casa do Concello"

Alumnado do CEIP A Maía visita a Casa do Concello para aprender sobre o seu funcionamento

Multimedia

  • Alumnado do CEIP A Maía visita a Casa do Concello para aprender sobre o seu funcionamento
  • Alumnado do CEIP A Maía visita a Casa do Concello para aprender sobre o seu funcionamento
  • Alumnado do CEIP A Maía visita a Casa do Concello para aprender sobre o seu funcionamento