[05-01-2018] Nenas e nenos da EIM O Bosque fixeron unha visita ás persoas usuarias do centro de día Más Vivir de Bertamiráns. Xuntas e xuntos cantaron, tocaron a pandeireta e realizaron xogos de estimulación. A última saída do ano do alumnado da EIM O Bosque estivo marcada, deste xeito, polo seu carácter interxeracional.
As alumnas e alumnos dunha das aulas de 2 a 3 anos da EIM O Bosque realizaron unha visita ao centro de día Máis Vivir de Bertamiráns, co obxectivo de coñecer ás persoas usuarias e de pasar un anaco de tempo con elas coñecendo as actividades que realizan. Ademais, as nenas e nenos da EIM amesá levaron un agasallo: un cadro, realizado coas mans, no que aparecía representada unha árbore de outono. O centro de día, pola súa banda, tiña preparada unha merendola da que desfrutaron grandes e pequenos.
Durante a visita tamén se cantaron cancións, tocouse a pandeireta e realizáronse xogos de estimulación. Ademais, a visita tamén contou coa presenza da Televisión de Galicia, que realizou unha reportaxe acerca da diferenza entre os agasallos que as crianzas e os maiores lles piden aos Reis Magos. O remate da actividade estivo marcado polo convite que a EIM O Bosque fixo ás persoas usuarias do centro de día para que, agora, sexan elas as que vaian visitar a escola.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Alumnos da escola O Bosque visitaron un centro de día"