[08-11-2016] Esta mañá 50 alumnos e alumnas de Ames participaron na xornada de formación para o VI Concurso radiofónico de teatro lido, Desata a lingua!!! Santiago Cortegoso e Marián Bañobre, membros da compañía Ibuprofeno Teatro, foron os encargados de impartir esta sesión. 14 grupos dos centros IES de Ames, IES do Milladoiro e do Colexio Alca mediranse nun concurso cuxos gañadores se coñecerán o 20 de decembro nunha gala na Casa da Cultura do Milladoiro.
As concellarías de Mocidade, Normalización Lingüística e Comunicación puxeron en marcha o pasado mes de outubro unha nova edición do concurso Desata a lingua!!! O alumnado inscrito neste certame ten que crear e gravar unha pequena peza de teatro radiofónico de temática libre e preferentemente realacionada cun tema de actualidade. Os alumnos e alumnas que participan cursan 3º, 4º da ESO ou bacharelato neste municipio. Para axudalos prográmase cada edición unha xornada de formación con actores ou actrices profesionais, que os axudan no proceso de construción dun guión e no de darlle vida a través das ondas.
Marián Bañobre e Santiago Cortegoso foron os encargados neste caso de impartir a formación. A primeira recalaba en Ames por segunda vez, pois xa estivo presente na pasada edición. A xornada desenvolveuse na primeira planta do Pazo da Peregrina ás 10:00 horas. Santiago foi o encargado de romper o xeo explicándolles a parte teórica. Os rapaces e rapazas escoitaron exemplos de distintas obras radiofónicas, aprenderon do impacto que chegaron a provocar as radionovelas- coa emisión da Guerra dos Mundos de Orson Welles como exemplo histórico- e dos trucos e técnicas que se poden empregar. Polas súas mans pasaron distintos libros con guións de varias pezas teatrais, para que comprobasen como se escriben os textos, como o se marcan os efectos sonoros ou os cambios dunha escena a outra.
Marián Bañobre uniuse ao curso para axudar coa parte práctica. Ambos comprobaron o estado no que se atopan os guións de cada grupo e practicaron con eles. Repasáronse distintas técnicas de interpretación e de locución e practicouse con pequenos textos. Agora, xa nos centros, os grupos deberán continuar traballando nos seus guións, coa axuda de Marián e de Santiago, que os titorizarán empregando o correo electrónico.
Entre os días 16 e 18 de novembro o alumnado gravará as súas pezas nas instalacións de Ames Radio, a emisora municipal. Entre o 23 de novembro e o 2 de decembro poderanse escoitar os resultados nas seguintes franxas horarias: das 13:30 h ás 14:30 e das 22:00 h ás 23:00 h (de luns a venres). Os días 23 de novembro e 2 de decembro realizarase unha emisión especial pola tarde na que se poderán escoitar todas as pezas.




