Pestanas principais

Alfredo Conde presenta o seu libro, “Homes de ferro”, este xoves, 5 de marzo, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns

Martes, 03 de marzo de 2020

O Pazo da Peregrina de Bertamiráns acolle este xoves, 5 de marzo, ás 20.30 horas, a presentación de “Homes de ferro” de Alfredo Conde. Unha novela publicada pola Editorial Ézaro que trata a peregrinación por mar dende Irlanda a Compostela. A obra forma parte do programa “O teu Xacobeo”, impulsado pola Xunta, co que se busca potenciar o patrimonio cultural vinculado ao Camiño de Santiago. A entrada ao evento é de balde ata completar aforo.

En dita presentación acompañarán ao autor, Alfredo Conde, o alcalde de Ames, Jose Miñones, a concelleira de Cultura, Natividade González, o profesor e tradutor, Xosé Antonio López Silva, o presidente de Buxa, Manuel Lara, e mailo editor, Alejandro Diéguez.

“Homes de ferro” é a historia de catro homes que no ano 2014, optan por construír unha embarcación tradicional coa que viaxar dende Dublín a Compostela. A bordo do bote “Naomh Gobnait”, os catro protagonistas realizaron unha travesía ininterrompida de 2.500 quilómetros ao largo de tres longos anos.

O autor recoñece que, aínda que os feitos se corresponden totalmente coa realidade, optou por deixar voar a súa imaxinación e evocar á súa experiencia como mariñeiro para escribir a historia. Ademais, recalca que esta viaxe non sería posible se os mariñeiros foran mozos, porque segundo el, é necesaria a calma que dan os anos para convivir nunha embarcación así con outros mariñeiros durante tanto tempo.
 
Desta maneira, Alfredo Conde leva presentando esta exitosa novela por varios puntos de Galicia dende decembro. Unha xira que agora remata nun lugar sobre o que se inspirou para moitas outras historias, Bertamiráns.

A concelleira de Cultura, Natividade González, sinala que “para nós é un privilexio poder acoller no Pazo da Peregrina a presentación da última novela dun autor tan importante e consagrado como é Alfredo Conde. Un autor que, aínda que reside no concello veciño de Brión, ten unha vinculación moi estreita con Bertamiráns xa que esta localidade serviulle de inspiración para moitas outras historias”.

Alfredo Conde
Alfredo Conde estudou Naútica na Escola Superior da Mariña Civil en A Coruña e Historia na Universidade de Santiago de Compostela. Traballou na mariña mercante e como profesor de varios colexios en Pontevedra.  Na súa carreira política foi membro do Parlamento de Galicia e Conselleiro de Cultura da Xunta. Posteriormente foi membro do consello de administración da CRTVG, e colaborador en xornais como El País, Diario 16, ABC ou Le Monde. Tamén foi columnista diario en La Voz de Galicia e posteriormente en El Correo Gallego. Entre os seus numerosos premios literarios destacan o Nacional de Literatura en narrativa no 1986 e o Nadal en 1991.

 

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Alfredo Conde presenta mañá o seu último libro no Pazo da Peregrina"

El Correo Gallego: "Conde presentou "Homes de ferro" no Pazo da Peregrina"

cartel presentación Homes de ferro

Multimedia

  • cartel presentación Homes de ferro
  • cartel presentación Homes de ferro