[24-10-2016] Arredor de 1.550 persoas participaron este domingo na XVII Carreira pedestre popular Concello de Ames e no campionato galego de 10K en ruta. Na proba absoluta participaron uns 800 deportistas, mentres que na proba escolar correron arredor de 750 rapaces e rapazas. Alejandro Fernández Rivera, do equipo Adas Proinor, cun tempo de 30:43, gañou o campionato galego de 10K en ruta e maila proba absoluta da carreira popular. Na categoría feminina, a gañadora foi Paula Mayobre, cun tempo de 35:32. A atleta de Ares tamén se proclamou campioa tanto do campionato galego como da proba popular. A saída e a chegada da proba estiveron instaladas na rúa Alcalde Lorenzo, ao carón da Casa do Concello. Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás ver as clasificacións das diferentes probas.
A localidade de Bertamiráns acolleu este domingo, 23 de outubro, unha nova edición da Carreira pedestre popular Concello de Ames, que este ano se organizou de xeito conxunto co campionato galego de 10 quilómetros en ruta que se desenvolveu por primeira en vez no municipio amesán. Os corredores que participaron nesta proba tomaron a saída ás 11:00 horas da mañá dende a rúa Alcalde Lorenzo, que está situada ao carón da praza do Concello. Nesta proba participaron os atletas das categorías júnior, promesa, sénior e veteranos, é dicir, os nacidos no ano 1998 e anteriores, que percorreron un total de 10.000 metros.
Este ano os gañadores absolutos da carreira popular foron Alejandro Fernández, na categoría masculina, cun tempo de 30:43, e Paula Bayobre, na categoría feminina, cun tempo de 35:32. No segundo posto na categoría masculina quedou David Santos e terceiro foi Hassan Lekhili, mentres que na categoría feminina, Maria Yolanda Gutiérrez foi segunda e Rocío Alvite quedou terceira. Premendo nesta ligazón http://emesports.es/event/xvii-carreira-pedestre-popular-concello-de-ames-campeonato-de-galicia-de-10km-en-ruta2016/ poderás ver en que posto quedaches.
Campionato galego de 10K en ruta
Na categoría masculina do campionato galego de 10K en ruta o campión foi o atleta do ADAS Proinor, Alejandro Fernández, que conseguiu unha cómoda vitoria ao entrar na liña de meta cun tempo oficial de 30:43, avantaxando en máis de dez segundos a Vicente Suárez do Comesaña Sporting Club. O terceiro lugar foi para o tamén atleta do Comesaña, Víctor Xosé González con 32.36. Con este trunfo Alex Fernández acada un terceiro título neste campionato (xa gañara as edicións dos anos 2012 e 2013) igualando no palmarés as tres vitorias que tamén posúe Lolo Penas (2008/2009/2010).
Na categoría feminina a campioa foi Paula Mayobre, cun rexistro de 35:32, como xa o fixera nos pasados campionatos de Galicia de Media Maratón do pasado 16 de outubro en Pontevedra. A de Ares desta maneira amplía o seu palmarés repetindo trunfo ao igual que a edición do ano 2010 celebrada na Coruña. Xunto ela subiron ó podio Yolanda Gutiérrez, do Sidras Maeloc Way con 37:01, ocupando a terceira posición Rocío Alvite do SAR-Vermut Petroni cun tempo de 37:29.
Por outra banda, hai que salientar os récords de veteranos galegos establecidos por José Matías Regueiro do Barbanza, con 40.55 na categoría M-65, e por María Luísa Armesto do C.A. Sada con 51.53 na W-65.
Categorías escolares
Ás 12:30 horas, trala competición absoluta, disputouse a proba da categoría pitufo –nados no ano 2012 e posteriores–, que correron unha distancia de 200 metros. A esta seguíronlle os grupos prebenxamíns (350 metros), benxamíns e alevíns (1.000 metros), infantís e cadetes (2.000 metros), é dicir, todos os nacidos entre os anos 2001 e 2011. O circuíto das categorías escolares discorreu pola rúa Alcalde Lorenzo, por un tramo do paseo fluvial de Bertamiráns e pola rúa Entrerríos, establecendo así unha nova ruta con maior presencia nas rúas de Ames. Unha vez rematadas todas as carreiras procedeuse á entrega de trofeos no podio instalado diante da Casa do Concello.
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "Paula Mayobre y Alejandro Fernández ganan el autonómico 10K"
El Correo Gallego: "Mayobre y Fernández, campeones gallegos en la Carreira de Ames"