Pestanas principais

A aldea de Ferreiros, en Agrón, convértese na primeira “aldea modelo” da provincia da Coruña

Martes, 23 de agosto de 2022

Ames é o primeiro concello da provincia da Coruña en contar cunha aldea modelo. Este nomeamento chega tras a declaración da aldea de Ferreiros como aldea modelo pola Xunta de Galicia no marco da lei de recuperación da terra agraria de Galicia. A aldea de Ferreiros, en Agrón, conta cunha superficie de 8,55 hectáreas e con 128 parcelas implicadas de 52 titulares catastrais. Ademais, a Xunta declarou aldea modelo á aldea de Soutogrande, no concello ourensán de Vilariño de Conso e á aldea de Cortegazas, no concello de Avión tamén na provincia de Ourense. Coas tres novas declaracións, acádase un total de 21 aldeas modelo aprobadas no conxunto da comunidade para poñer en valor preto de 600 hectáreas.

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, dependente da Consellería do Medio Rural, vén de resolver a declaración de tres novas aldeas modelo, no  marco da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Trátase das de Ferreiros, na localidade coruñesa de Ames, a de Soutogrande, no concello ourensán de Vilariño de Conso e a de Cortegazas, no tamén municipio ourensán de Avión.

Así, a aldea modelo de Ferreiros, en Ames convértese na primeira aldea modelo da provincia da Coruña cunha superficie de 8,55 hectáreas e con 128 parcelas implicadas de 52 titulares catastrais. Esta declaración chega despois de que en setembro de 2021 o alcalde de Ames, Blas García; o concelleiro de Medio Ambiente, Manuel Lens e o subdirector de Mobilidade de Terras, Alejandro Sánchez de Dios lle presentaran á veciñanza o proxecto “Aldea Modelo”.

A visita tiña como obxectivo informar sobre este modelo de recuperación e posta en valor de terras antigas e abandonadas e recadar as primeiras impresións sobre a proposta. Para que Ferreiros se convertese en “Aldea Modelo” os veciños/as tiñan que alugar as súas fincas ao banco de terras, sendo necesario que, como mínimo, os propietarios do 70% da superficie que formaba parte do proxecto estivese de acordo.

Un ano despois desa xuntanza a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural anunciou a declaración de aldea de Ferreiros, en Ames, como aldea modelo. Unha declaración á que se suma a aldea de Soutogrande, en Vilariño de Conso, cunha superficie de 33,50 hectáreas, distribuídas en 99 parcelas de 46 titulares catastrais. E a de Cortegazas, en Avión, que abrangue 15,11 hectáreas, repartidas en 727 parcelas de 99 propietarios.  

As novas aldeas modelo decláranse en colaboración cos concellos correspondentes, todos eles situados en zonas de alto risco de incendios (ZAR) e adheridos ao sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias. Cabe lembrar que o obxectivo principal desta figura recollida na Lei de recuperación é devolver á produción terras con boa aptitude agronómica que se atopen en estado de abandono ou infrautilización, impulsando deste xeito nova actividade económica agroforestal que non só fixe poboación e xere riqueza na contorna, senón que ao tempo reduza o risco de incendios forestais e mellore a calidade de vida dos veciños dos núcleos que se busca poñer en valor.

As novas aldeas modelo declaradas súmanse ás xa en marcha e fan un total de 21. Por provincias, hai unha na Coruña, outra en Pontevedra, cinco en Lugo e 14 en Ourense que, conxuntamente, acadan as 574,18 ha de superficie de actuación, 9.346 parcelas e 2.359 titulares catastrais.  

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural segue cos traballos de recollida de sinaturas doutras sete aldeas modelo de cara á súa aprobación: unha na Coruña, outra en Lugo, unha máis en Pontevedra e catro en Ourense. En total, representarán outras 194,84 hectáreas de superficie de actuación, 3.395 parcelas e 901 titulares catastrais.

Segundo o concelleiro de Medio Ambiente, Manuel Lens, esta é unha boa nova para  Ames. "A declaración de Ferreiros como aldea modelo é unha gran nova para o Concello de Ames. Aínda queda moito traballo por facer pero o primeiro paso está dado. Temos que agradecer aos propietarios das parcelas a participación nas diferentes xuntanzas que tivemos para explicarlle o proxecto e a posterior acollida que tivo, xa que sin a súa participación non sería posible. Agora toca seguir traballando para acadar un bo proxecto de explotación para Ferreiros".

O alcalde de Ames, Blas García, manifestou a súa satisfacción pola declaración da aldea de Ferreiros como aldea modelo e indicou a declaración vai contribuír na protección de  incendios forestais. “Estamos moi contentos de que a aldea de Ferreiros, en Agrón, se converta na primeira aldea modelo da provincia da Coruña. Esta iniciativa vai contribuír á dinamización do noso rural así como a protexer os núcleos de posibles incendios forestais, sendo dúas liñas de acción polas que aposta activamente o Concello de Ames”. E engadiu “o sistema de aldeas modelo que promove a Xunta de Galicia a través da Consellería de Medio Rural é, ademais, perfectamente compatible co plan de incendios posto en marcha polo Concello de Ames en 2017 e que leva máis de 5.000 árbores plantadas e 20 hectáreas repoboadas”.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ferreirós, en Ames, es la primera aldea modelo de la provincia" | «Eu tiña eucaliptos e de primeiras non estaba conforme con isto da aldea modelo»"

El Correo Gallego: "Ferreiros: primera Aldea Modelo para reactivar los labradíos en la provincia"

Enfoques: "La aldea de Ferreiros, en la parroquia amiense de Agrón, primera “aldea modelo” de A Coruña"

NIUS: "Potenciar el rural: descubrimos el encanto de las nuevas aldeas modelo de Galicia"

A aldea de Ferreiros, en Agrón, convértese na primeira “aldea modelo” da provincia da Coruña

Multimedia

  • A aldea de Ferreiros, en Agrón, convértese na primeira “aldea modelo” da provincia da Coruña
  • A aldea de Ferreiros, en Agrón, convértese na primeira “aldea modelo” da provincia da Coruña
  • A aldea de Ferreiros, en Agrón, convértese na primeira “aldea modelo” da provincia da Coruña
  • A aldea de Ferreiros, en Agrón, convértese na primeira “aldea modelo” da provincia da Coruña
  • A aldea de Ferreiros, en Agrón, convértese na primeira “aldea modelo” da provincia da Coruña
  • A aldea de Ferreiros, en Agrón, convértese na primeira “aldea modelo” da provincia da Coruña
  • A aldea de Ferreiros, en Agrón, convértese na primeira “aldea modelo” da provincia da Coruña