Pestanas principais

Alcer e o Concello de Ames poñen o foco na importancia da doazón de órganos e na loita contra as enfermidades do ril

Domingo, 30 de novembro de 2025

O Concello de Ames vén de acoller un fin de semana de actividades destacadas co obxectivo de visibilizar a importancia do coidado renal, a prevención das enfermidades do ril e a sensibilización arredor da doazón de órganos. Estes eventos foron organizados pola Federación Alcer Galicia, coordinada por Alfredo Saborido.

O sábado celebrouse o concerto de gospel, da man do coro Gospel VIda unha cita musical que reuniu 90 persoas e que combinou espectáculo, emoción e unha forte mensaxe de solidariedade. O público respondeu cunha gran acollida, enchendo o espazo e contribuíndo a crear un ambiente vibrante que reforzou o espírito da campaña. Segundo as cifras oficiais, máis de 1.000 euros foron recadados con fins benéficos.

Alfredo Saborido, coordinador de Alcer Galicia, destacou a necesidade de darlle visibilidade e de normalizar no debate público a cuestión da doazón de órganos, e explicou de maneira sinxela o proceso para facerse doante: “É algo que deberiamos ter decidido con antelación e non deixar a responsabilidade nun familiar que debe tomar a decisión nun momento de tremenda dor. Falamos a diario de herdanzas, pisos, bens... pero falamos moi pouco do que podemos facer coa nosa ferramenta máis prezada, que é o noso corpo, e que pode facer que outras persoas poidan manter o seu proxecto de vida”.

Saborido explicou que o primeiro paso é solicitar un carné de doante de órganos, que non está rexistrado nin ten implicacións legais, nin existe un rexistro das persoas que o posúen. Trátase dunha acreditación que serve para facer activismo e concienciar. En segundo lugar, referiuse ao denominado “documento de instrucións previas”, que vai anexo á historia clínica, se cumprimenta en hospitais e centros de saúde e no que se estabelece se a persoa quere ou non doar ou baixo que condicións está disposta a facelo.

VII Xornadas de Persoas con Enfermidade Renal de Galicia

Xa o domingo tivo lugar a xornada central co congreso informativo e divulgativo, ao que asistiron 130 persoas, entre veciñanza, profesionais sanitarios e persoas usuarias. Durante as sesións abordáronse aspectos clave sobre a enfermidade renal crónica, hábitos de vida saudables, avances terapéuticos e o valor esencial da doazón como oportunidade de vida para milleiros de pacientes. As xornadas centraon o seu programa en temas de máxima actualidade e interese para as persoas con enfermidades renais crónicas (ERC), en diálise e transplantadas. Así é que, logo dunha benvida por parte do alcalde de Ames, Blas García; o director xeral de Familia, Inferencia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey Sastre; o presidente da Sociedade Galega de Nefroloxía, Jesús Calviño e o presidente de Alcer Galicia, Rafael González, houbo diversos relatorios durante toda a mañá.

O alcalde de Ames, Blas García, agradeceulle a Alcer que escollese o municipio para celebrar este fin de semana de actividades e destacou a importancia da prevención na loita contra as enfermidades do ril, así como a resiliencia das persoas que se enfrontan a elas ao longo da súa vida. Ademais, puxo en valor o traballo que se realiza desde a Concellería de Promoción da Saúde e Deportes para fomentar hábitos saudables.

Alcer Galicia
Alcer Galicia, coordinada por Alfredo Saborido, é unha asociación para a loita contra as enfermidades do ril que ten como obxectivo prestar atención psicosocial e mellorar a calidade de vida das persoas con este tipo de afeccións, así como da súa contorna máis próxima.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Alcer avoga dende Ames por normalizar a doazón de órganos"

Coro Gospel

Multimedia

  • Alcer e o Concello de Ames poñen o foco na importancia da doazón de órganos e na loita contra as enfermidades do ril