[19-03-2018] O pasado xoves, 15 de marzo, o alcalde de Ames, José Miñones, e a concelleira de Transporte do Concello de Teo, Conchi García, xunto con outros representantes de varios Concellos, presentaron ao Director Xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, ao Subdirector Xeral, Antón García, e ao Subdirector de Planificación, Héctor Presas, o proxecto conxunto de mellora da mobilidade metropolitana. Nas vindeiras semanas o Concello de Ames volverá reunirse con representantes da Consellaría, para solicitar o establecemento dunha maior conexión en autobús entre as localidades do Milladoiro e Bertamiráns. Os encontros estanse a realizar con anterioridade á redacción do novo Plan de Mobilidade da Xunta previsto para este ano, que derivará nos novos contratos de transporte metropolitano.
Diversos Concellos da comarca, entre os que se atopaban o Concello de Ames e o Concello de Teo, tiveron unha xuntanza o pasado xoves, 15 de marzo, con representantes da Consellaría de Infraestruturas. O obxectivo dos encontro foi o de presentar os diferentes proxectos de mobilidade elaborados por cada Concello, antes da licitación das novas liñas de transporte metropolitano encadradas no mapa concesional do Transporte Metropolitano Galego.
En representación do Concello de Ames asistiu o seu alcalde, José Miñones, que estivo acompañado pola concelleira de Transporte do Concello de Teo, Conchi García. Ambos foron os responsables de presentar o proxecto elaborado conxuntamente para a modificación das rutas que discorren desde Santiago ata os concellos de Ames e Teo. Nas próximas semanas, o Concello de Ames volverase reunir con representantes da Consellaría de Infraestruturas, coa finalidade de solicitar unha maior conexión en transporte público entre as localidades do Milladoiro e Bertamiráns e estudiar as melloras do transporte metropolitano que a día de hoxe seguen pendentes de realizarse.
Un proxecto común para a mellora da mobilidade metropolitana
A proposta de reformulación do servizo, concibida colectivamente polos dous Concellos, ten como obxectivo abordar algunhas das melloras necesarias, que ata o de agora foron imposibles de implementar debido as actuais condicións contractuais, marcadas cando as necesidades de mobilidade eran outras. A nova proposta inclúe a creación de novas trazados, frecuencias e franxas de servizo.
O actual servizo, que é prestado por varios operadores diferentes, ten orixe no concello de Santiago e percorre o leste do concello de Ames e o oeste do concello de Teo. Os operadores que prestan o servizo na zona son: Hedegasa -operador principal-, Monbus, Hermanos Ferrín e Arriva Noroeste. Ademais, algúns destes servizos están concibidos como longa distancia, xa que comunican localidades como Ribeira, Vigo, Pontevedra ou Boiro co concello de Santiago e que, ao seu paso polos concellos de Ames e Teo, complementan o servizo disposto para estes.
Porén, tanto o Concello de Ames como o Concello de Teo precisan dun novo deseño no servizo de transporte público, que responda ás necesidades dunha poboación en constante crecemento, a cal precisa maioritariamente dunha boa comunicación co centro administrativo e comercial de Santiago. Deste xeito, o novo proxecto propón a creación dunha liña circular xurdida do actual servizo que nace na rúa da Rosa, en Santiago, e que despois de pasar polo Milladoiro percorre a parroquia de Calo e finaliza o seu servizo en Luou. A nova liña de trazado circular proseguiría por Cacheiras e Os Tilos dirixíndose novamente a Santiago. Co novo trazado comunicaríase, polo tanto, a unha poboación de a redor de 30.000 veciños dos concellos de Ames e Teo, tanto entre si como co centro do concello de Santiago, o que incrementaría significativamente o número total de potenciais usuarios, ao incrementar en 9.000 as veciñas e veciños beneficiados pola prolongación da liña.
No tocante aos horarios,a nova proposta mantén os actuais para os días laborais. Non obstante, a reformulación do servizo incrementa, durante as fin de semana, un par de servizos de ida e volta pola mañá, franxa horaria que actualmente non conta con oferta. Ademais, este servizo de disposición circular contaría con dous sentidos de circulación, un con saída no sentido Intermodal – Teo – Ames – Intermodal e outro no sentido Intermodal- Ames – Teo – Intermodal. Por último, en relación ao resto dos servizos, os dous Concellos consideran necesario manter a súa actual oferta, contemplando as melloras que os propios operadores poidan aportar ao servizo na inminente licitación.
Contido relacionado

Lindeiros: "Ames e Teo trasladan as propostas de bus metropolitano a Dirección Xeral de Mobilidade"
La Voz de Galicia: "La Xunta tendrá en cuenta los convenios de transporte firmados en la comarca"
Compostela 24 horas: "Alcaldes de varios ayuntamientos se reúnen en la Consellería de Infraestruturas para presentar diferentes proyectos de mejora de la movilidad metropolitana"
El Correo Gallego: "Ames y Teo proponen un bus circular para viajar a Santiago"
Ames Go: "Ames e Teo presentan o seu acordo á xuntanza de alcaldes coa Xunta polo Transporte Metropolitano"




