Pestanas principais

Alber Ponte presentou o seu corto “Me llamo rama” en Bertamiráns

Martes, 13 de decembro de 2011

[13-12-2011] Os amienses puideron asistir onte á presentación da curtametraxe “Me llamo rama” do director Alber Ponte que gravou o filme en Trasmonte hai xa dous anos. Á presentación da curta, que foi na Casa da Cultura de Bertamiráns asistiron ademais do director, os actores Fran Grela, Archana Patel Castro e Celia Guerrero, así coma varios dos técnicos que traballaron na curta. O alcalde de Ames, Santiago Amor, a concelleira de Xuventude, María González, e membros do goberno municipal e da oposición tamén estiveron presentes na presentación.


Alber Ponte agradeceu a colaboración dos veciños de Trasmonte e explicou que a esencia da curtametraxe é que “entre xente de ben, todos nos levamos ben”, pois trátase dunha peza que fomenta o entendemento e o respecto entre persoas de distintos países e razas. “É importante deixar atrás os prexuízos” afirmou o cineasta.

A productora de Alber Ponte, Sierra Madre, foi a encargada de producir e gravar esta curta no ano 2009 en Trasmonte. Alber elixiu Ames porque é un lugar que coñece moi ben posto que aquí vive Fran Grela que é un dos actores protagonistas deste filme xunto a Camila Bossa. Albert Ponte agradeceu a colaboración do anterior goberno municipal, que rexía Carlos Fernández e a continuidade e boa acollida que tivo este proxecto cultural co goberno de Santiago Amor.

A curtametraxe

"Me llamo Rama" é unha comedia que narra o momento no que unha moza (Camila Bossa) se presenta na casa dos seus pais para facer, por sorpresa, a presentación do seu noivo, Rama, un hindú da relixión sij (os que sempre levan turbante), co que leva seis meses vivindo en Santiago. Como é de esperar, sucédense varios malentendidos e os prexuízos non tardan en aparecer. Por sorte e como os tempos están cambiando, o amor pon as cousas no que sitio, e ao final prevalecerá a apertura de miras que nos ensina a convivir en paz.

Ademais de Camila Bossa e Fran Grela, que serán os protagonistas do filme, os demais personaxes estarán interpretados por Mabel Rivera, Xosé Manuel Olveira "Pico", Celia Guerrero, Archana Patel, que é unha muller india que vive desde fai anos en Bertamiráns, e Celso Bugallo. Tamén intervirá unha veciña do lugar de Carballo, que ao marxe de permitir a gravación dunha das súas vacas, terá unha liñas de diálogo.