Pestanas principais

Aínda quedan prazas libres para participar no curso de inglés Preliminary English Test

Mércores, 10 de decembro de 2014

[10-12-2014] A Concellaría de Xuventude de Ames pon en marcha un curso de inglés destinado a formar a alumnos/as para a realización do exame Preliminary English Test (PET-B1). O curso, dirixido a persoas maiores de 18 anos, empadroadas no Concello de Ames e con coñecementos mínimos de inglés (ESO/BUP ou equivalente), celebrarase do 9 de xaneiro ao 19 de xuño nos centros socioculturais de Bertamiráns e do Milladoiro. O prazo de inscrición estará aberto ata o 16 de decembro. As prazas son limitadas ata un máximo de 30 (15 para Bertamiráns e 15 para Milladoiro). O curso terá un custe de 135 euros (suxeito a bonificacións e exencións). Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter as bases e o impreso de inscrición para participar no curso de inglés.

O Preliminary English Test é un exame nivel intermedio que se corresponde co segundo nivel dos exames de Cambridge, que avalían os coñecementos de inglés xeral dende un nivel principiante ata avanzado. O certificado PET está recoñecido a nivel mundial tanto no sector académico como profesional e é equivalente ao nivel B1 do Marco Europeo Común de Referencia de Linguas Europeas. A obtención do mesmo significa que o alumno ou alumnas á capaz de desenvolver as destrezas lingüísticas necesarias para afrontar situacións sociais e laborais correntes, nun entorno de fala inglesa.

O curso PET do Concello de Ames desenvolverase de xaneiro a xuño, cunha duración de 90 minutos diarios durante dous días á semana tanto en Bertamiráns como en Milladoiro. Nestas clases traballaranse as distintas destrezas requiridas para a proba, utilizando un libro de texto e material de reforzo e práctica do exame, facendo fincapé na parte oral do mesmo. O xoves 18 de decembro en Bertamiráns e o venres 19 de decembro en Milladoiro ás 20:30h desenvolverase unha proba de nivel, para comprobar os coñecementos previos de cada alumno/a.

O número máximo de alumnos é de 30 (ofértanse 15 prazas para Bertamiráns e outras 15 para Milladoiro), co obxectivo de que aproveiten as clases ao máximo, facendo, ademais, un seguimento regular da evolución de cada un con avaliacións trimestrais. As prazas iranse cubrindo por rigorosa orde de entrada das solicitudes de inscrición no rexistro xeral. As clases celebraranse os martes e xoves na Casa da Cultura de Bertamiráns, mentres que no Milladoiro serán os mércores e venres. En ambas localidades as clases impartiranse en horario de 20:30 a 22:00 horas.

Requisitos e inscrición 
Os requisitos para inscribirse nesta actividade son ter máis de 18 anos, estar empadroado/a no Concello de Ames e ter coñecementos mínimos de inglés (ESO/BUP ou equivalente). Terán preferencia de admisión, sempre que cumpran estes requisitos, as persoas que acrediten estar cursando uns estudos oficiais para os que precisen o certificado de inglés nivel PET ou B1 e as persoas que se atopen recoñecidas dentro dos grupos de familias de especial consideración (Lei 3/2011, de 30 de xuño, de apoio á familia e a convivencia de Galicia).

O prazo de inscrición estará aberto do 1 ao 16 de decembro. A solicitude realizarase cubrindo a ficha de inscrición dispoñible na páxina web www.concellodeames.org e na OMIX e PIX de Bertamiráns e Milladoiro. O impreso debe entregarse nos rexistros municipais axuntando a copia do DNI e do título de ESO, BUP ou equivalente e a documentación acreditativa da condición de familia de especial consideración e/ou necesidade do certificado para estudos especiais, de ser o caso.

O material de aula (Objective PET Student's Book without Answers with CD-ROM 2nd Edition), será de balde para o alumnado. Ao remate do curso, se o/a alumno/a o require, facilitarase a tramitación da matrícula para as probas de Cambridge. O custe das taxas de exame, é un gasto alleo ao Concello de Ames, polo que correrá a cargo de cada alumno/a interesado en matricularse nas probas.

Exención e bonificación de taxas
Terán dereito á exención de taxas un 10% dos casos (3 dos casos) das persoas en situación de emerxencia declaradas polo Concello de Ames ao abeiro do disposto no regulamento de emerxencia social. Ademais, terán dereito a unha bonificación do 20% das taxas as familias de especial consideración, de acordo coa definición e requisitos establecidos na Lei 3/2011, de 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia.

Para máis información pode poñerse en contacto coa OMIX de Ames a través do teléfono 616083229 ou no correo electrónico omix@concellodeames.org e no Facebook da OMIX de Ames.