[09-04-2018] A actividade A poesía é un globo terá lugar este venres, 13 de abril, ás 18:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. Dirixida a familias con nenas e nenos entre os 3 e os 6 anos, a actividade correrá a cargo do escritor e editor Fran Alonso, quen a través desta iniciativa tentará fomentar o interese nas crianzas pola poesía e polo ritmo. Para inscribirse é preciso enviar un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal, indicando o nome e os apelidos das persoas participantes, a súa idade e un teléfono de contacto. As prazas outorgaranse por orde de inscrición. A actividade Arrolos de Salitre, que se realizará este xoves no Pazo da Peregrina, ten todas as prazas esgotadas.
A poesía é un globo é un espectáculo-recital de poesía infantil adaptado para crianzas entre os 3 e os 6 anos, que busca espertar o interese pola poesía e polo ritmo a través de diversos recursos como a oralidade, a lectura, o son, o audiovisual ou o teatro. O espectáculo parte de poemas do escritor e editor Fran Alonso, quen será o encargado de desenvolver a actividade.
Desta maneira, o corpus central dos poemas pertencen ao seu libro Poemas birollos para ler cos ollos, aínda que a actividade tamén recolle outros poemas doutras obras tanto súas como doutras destacadas autoras e autores da poesía galega infantil e xuvenil.
A actividade introducirá, polo tanto, as nenas e nenos no goce da poesía e no funcionamento lúdico da linguaxe poética, dun xeito didáctico e gráfico, ligándoa á vida cotiá e a diversas disciplinas como a música, a expresión corporal, a expresión plástica ou mesmo ás novas tecnoloxías. Con esta actividade, búscase presentar a poesía como unha realidade próxima, botando man da tradición oral coa que as cativas e cativos conviven a diario sen decatárense.
Fran Alonso é escritor, editor e xornalista. Autor dunha ampla obra literaria que atende a diferentes xéneros, os seus traballos mereceron o recoñecemento da crítica e do público. Membro fundador do Espazo Lectura, na actualidade é o subdirector para a edición xeral da editora Xerais. Autor de máis de 30 obras, algunhas delas colectivas, é o responsable da recoñecida antoloxía Poetízate, da que xa se publicaron 13 edicións. Entre a súa obra poética sobresaen, entre outras, as obras Persianas, pedramol e outros nervios (1992), Tortillas para os obreiros (1996), Subversións (2002) e Balada Solitaria (2004).
Tramitación das inscricións
Para participar nesta actividade será preciso inscribirse a través do enderezo de correo electrónico normalizacion@concellodeames.gal, indicando o nome e os apelidos das persoas participantes, a súa idade e un teléfono de contacto. O prazo para realizar as inscricións remata o 12 de abril. Para obter máis información pódese chamar ao número de teléfono 662 377 215, do departamento de Normalización Lingüística do Concello de Ames. A actividade é de balde.
Prazas esgotadas para a actividade Arrolos de Salitre
As prazas para a actividade Arrolos de Salitre, que se desenvolverá este xoves no Pazo da Peregrina, xa están esgotadas para as dúas sesións. No obradoiro, que correrá a cargo dos músicos Xabier Díaz e Guillerme Fernández, as familias participantes poderán gozar da música ao tempo que aprenden nanas e cantos de berce coas que transmitirlles ás crianzas, xa desde o primeiro día, a emoción, o afecto e o apego a través da música e da lingua.
O programa Apego
O programa do Apego é un proxecto colectivo que busca acompañar e dar apoio ás familias, así como pór en valor a transmisión da lingua galega ás crianzas durante os seus primeiros anos de vida, nomeadamente dos 0 aos 6 anos. Con estes obxectivos, o programa ofrece información, recursos e actividades variadas tanto para familias, coma para nenas e nenos, educadoras e educadores... O proxecto pretende, ademais, que as crianzas socialicen en galego e que reforcen a identidade coa familia e coas raíces a través de diferentes recursos lúdicos, formativos e informativos. En Ames, o programa do Apego conta xa con máis de 130 familias adheridas.
As familias que estean agardando un bebé ou que teñan crianzas entre os 0 e os 6 anos poden inscribirse no programa poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames, ben a través do enderezo de correo electrónico normalizacion@concellodeames.gal, ben a través do teléfono 662 377 215. Desde o momento en que se inscriban recibirán información e recursos útiles para a crianza. Pódese ampliar a información sobre o programa visitando a páxina web www.apego.gal.

Contido relacionado

Lindeiros: "A poesía é un globo, de Fran Alonso, en Ames dentro do programa Apego"
Compostela 24 horas: "La actividad <A poesía é un globo> del programa Apego todavía cuenta con plazas disponibles"




