Pestanas principais

Aínda estás a tempo para inscribirte no Concurso de disfraces do Concello de Ames

Xoves, 28 de febreiro de 2019

[28-02-2019] Ames celebra este luns o Entroido cunha festa no aparcadoiro da Telleira, en Bertamiráns, a partir das 17.00h. O evento xirará en torno ao concurso e desfile de disfraces organizado polo Concello, e contará coas actuacións dos grupos Brassica Rapa e A Compañía do Ruído. No concurso repartirase un total de 4.050 euros entre os gañadores dos dous premios especiais, que galardoarán os mellores disfraces realizados con material de reciclaxe, e os tres finalistas das categorías infantil, adulto, grupos e comparsas. O prazo de inscrición para optar a algún destes premios remata o propio luns 4 de marzo ás 11.00h, e pode tramitarse ou ben de xeito presencial na Casa da Cultura do Milladoiro, chamando ao número de teléfono 981 535 940 ou enviando un correo ao enderezo cultura@concellodeames.gal.

O Entroido marca unhas semanas onde as máscaras, a música, as filloas, as orellas e moitos outros pratos típicos son os protagonistas. Para celebrar esta época do ano tan festiva, o Concello de Ames organiza, un ano máis, a súa tradicional festa de Entroido, que este ano se desenvolverá na localidade de Bertamiráns, a partir das 17:00 horas. A programación desta festa conta cun concurso e desfile de disfraces no que se premiarán os disfraces máis creativos e orixinais segundo pertenzan ás categorías infantil, adulto, por grupo ou en comparsa. Nas dúas primeiras poderase participar de forma individual ou en parellas.

Así, repartiranse 3.800 euros entre estas catro categorías, que se suman a outros 250 euros destinados aos mellores disfraces elaborados con material de refugallo. Haberá tres premios por cada categoría. Deste xeito, na categoría infantil haberá 100 euros para o primeiro, 75 euros para o segundo, e 50 para o terceiro. Na categoría de adultos o primeiro premio estará dotado de 200 euros, o segundo de 150 euros, e o terceiro de 75 euros. Na categoría de grupos os premios serán de 500, 300 e 150 euros, mentres que na categoría de comparsas entregaranse 1.100, 600 e 500 euros.

Os participantes deberán ter 12 anos ou menos na categoría infantil e máis de 12 anos na de adultos. Os grupos deberán estar formados por entre 3 e 9 persoas e as comparsas por 10 ou máis persoas, de calquera idade en ambos casos. O concurso desenvolverase no aparcadoiro da Telleira, en Bertamiráns, ao carón da piscina municipal cuberta. Por este motivo, non se permitirá acceder ao recinto entre as 00.00h do domingo 3 de marzo e as 12.00h do martes 4.

O desfile comezará arredor das 18:00 horas e seguirá o percorrido e o ritmo que marque a charanga. O grupo de música, Brassica Rapa, creado a finais de 2017, e mailo grupo fundado en Ribeira en 2002, A Compañía do Ruído, porán música a esta festa.


Inscrición e xurado do concurso
As inscricións para participar no concurso de disfraces realizaranse de xeito presencial na Casa da Cultura do Milladoiro, de luns a venres, en horario de 9:00 a 14:00 horas, chamando ao número de teléfono 981 535 940 ou enviando un correo ao enderezo cultura@concellodeames.gal. A data límite das inscricións é o propio luns 4 de marzo, día do concurso, ás 11:00 horas. Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter as bases do concurso de disfraces e os impresos de inscrición.

No momento da inscrición, é necesario achegar o título do disfraz, o nome e apelidos da/s persoa/s representante/s, o DNI, un teléfono de contacto, a categoría na que se participa e o número de participantes. Os menores de idade deberán ser inscritos polo seu responsable legal. No caso dos grupos, a inscrición deberá ser asinada por dúas persoas maiores de idade; catro no caso das comparsas, sempre que non pertenzan a asociacións legalmente constituídas. Os representantes deberán estar apoiados polos demais membros concursantes e autorizados para recoller o premio.

O xurado, que estará composto por tres membros designados polo departamento de Educación e Cultura, valorará os disfraces conforme á creatividade, caracterización e orixinalidade. Esta valoración realizarase durante o desfile. A súa decisión será inapelable. Os/as participantes deberán presentarse na carpa instalada polo Concello no aparcadoiro da Telleira, debidamente ataviados entre as 17:00 e as 18:00 horas.



Contido relacionado


Compostela 24 horas: "Últimos días para inscribirte no Concurso de disfraces do Concello de Ames"