[22-12-2011] O Bertamiráns FC, en colaboración co Concello de Ames, puxo en marcha a II Campaña de recollida de xoguetes e roupa para os menos favorecidos do municipio amiense. A roupa e os xoguetes pódense entregar no campo municipal de Bertamiráns, durante os horarios de adestramento dos distintos equipos, e os adestradores serán os encargados da recollida. Todos os interesados/as poden entregar roupa e xoguetes ata o 23 de decembro, polo que hai que darse présa xa que o prazo remata este venres. Prégase que os xoguetes doados se atopen en bo estado e non teñan carácter bélico nin sexista.
Nestas datas tan sinaladas o Bertamiráns FC mostra a súa cara máis social e humanitaria poñendo en marcha a II Campaña de recollida de xoguetes e roupa. Nesta campaña participan os integrantes e adestradores das distintas categorías do club. Sen dúbida, os rapaces/as son os que viven con máis ilusión a tempada de Nadal. Pero non todos os rapaces teñen a sorte de poder contar con agasallos e xoguetes nestes días. Para paliar esta carencia, o Bertamiráns Fútbol Club, en colaboración co Concello de Ames, puxo en marcha esta campaña de recollida de xoguetes e roupa.
Esta iniciativa xurdiu de xeito espontáneo na temporada pasada dende a directiva do club amiense e conta coa colaboración do Concello de Ames. Os xoguetes e a roupa recolleranse no campo de fútbol municipal de Bertamiráns, durante os horarios nos que haxa adestramentos, ata o día 23 de decembro. Prégase que os xoguetes doados se atopen en bo estado e non teñan carácter bélico ou sexista. Esta é a segunda edición desta campaña solidaria. Dende o Bertamiráns FC agardan poder levar a cabo a iniciativa moitos anos máis.
A través desta campaña, na que colaboraran as máis de 450 familias que integran o Bertamiráns FC, preténdese recoller xoguetes para os cativos das familias con menos recursos. Deste xeito, intentarase que estes nenos/as tamén poidan gozar nestas datas tan sinaladas dun agasallo. Ao mesmo tempo, a roupa recollida ao longo desta campaña irá destinada tamén ás familias en risco de exclusión social do territorio municipal de Ames.




