[22-03-2013] O Concello de Ames, a través da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX), organizou un curso de monitor de tempo libre, que se desenvolverá no Centro de Usos Múltiples de Aldea Nova. Este curso consta de 350 horas teóricas e prácticas. As sesións de clase teñen unha duración de 10 horas diarias, en horario de 9:00 h a 14:00 horas e de 16:00 h a 21:00 horas, repartidas en sábados e domingos. A continuación, os alumnos deberán completar a súa formación cun período de prácticas de 150 horas. Ofértanse un total de 25 prazas. Todos os mozos/as que estean interesados deben darse présa xa que quedan as últimas prazas libres. A inscrición realizarase por rigoroso orde de inscrición no Rexistro Xeral do Concello de Ames. Este curso ten un custo de 220 euros, que pode fraccionarse en tres pagos. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o impreso de inscrición.
O curso de monitor de tempo libre é unha formación útil que abre moitas portas de cara á inserción laboral. Este título capacita para deseñar, programar e pór en práctica ou avaliar actividades para o tempo libre ou socioculturais, orientadas á infancia, á xuventude, aos maiores ou ás persoas con necesidades especiais. Os contidos deste curso abarcan áreas como psicoloxía, dinámicas de grupo, xogos no tempo libre, expresión, educación ambiental, saúde, lexislación, etc.
Para realizar a inscrición haberá que entregar o impreso de inscrición debidamente cumprimentado, unha fotografía recente, unha fotocopia do DNI e fotocopia da titulación académica obtida (como mínimo requírese o título da ESO ou equivalente). O custo do curso é de 220 euros (unha vez se confirme a obtención da praza pódese fraccionar o pagamento en tres prazos).
Os requisitos que deben cumprir os interesados en obter a titulación oficial de monitor de tempo libre, documento que será expedido pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, é o de ser maiores de idade e contar co título de Educación Secundaria Obrigatoria ou equivalente.
Formación teórica e práctica
De xeito detallado, o curso de monitor de tempo libre comezará cunha parte teórica de 200 horas lectivas que se impartirán no Centro de Usos Múltiples de Aldea Nova. As sesións de clase teñen unha duración de 10 horas diarias, en horario de 9:00 h a 14:00 horas e de 16:00 h a 21:00 horas, repartidas en sábados e domingos.
A continuación, o alumno deberá realizar un período de prácticas de 150 horas lectivas baixo a tutela dun director ou responsable. Previa á realización das prácticas, o alumnado deberá entregar un proxecto, coa programación das mesmas e onde figuren a maior parte dos datos posibles. Ao remate, deberá entregar unha memoria de elaboración propia e individual, que conteña unha síntese de experiencia nas diferentes actividades, as valoracións particulares e xerais. As prácticas poderán realizarse de xeito intensivo, concentrándoas en 14 días de actividade (en bloques non inferiores a 3 días) ou cursando as 150 horas nunha entidade que traballe no eido da educación no tempo libre.
Os interesados en ampliar a información referida a este curso poden facelo poñéndose en contacto coa Oficina Municipal de Información Xuvenil de Ames a través do teléfono 616 083 229 ou enviando un correo electrónico ao enderezo omix@concellodeames.org. Tamén poden contactar directamente coa Escola Rural de Tempo Libre a través do enderezo electrónico escolaruraltempolibre@gmail.com.




