Pestanas principais

Aínda está aberto o prazo de inscrición para o obradoiro de asociacionismo e participación xuvenil

Mércores, 18 de abril de 2012

[18-04-2012] A Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) organiza para o próximo 24 de abril un obradoiro de asociacionismo e participación xuvenil dirixido a toda a mocidade amiense, que se enmarca dentro do programa ACTIVA, e que está promovido pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado. O obradoiro, dirixido a mozos/as menores de 30 anos, animadores xuvenís, asociacións e grupos informais, desenvolverase no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, en horario de tarde, dende as 18:00 h ata as 20:00 horas. O prazo de inscrición estará aberto ata o 20 de abril. Todos os mozos/as que estean interesados deben darse présa xa que o prazo de inscrición remata esta semana. Para inscribirse hai que chamar ao número de teléfono 616 083 229 ou enviar un correo electrónico a dirección omix@concellodeames.org. O número de prazas é limitado.

Nos últimos meses o Concello de Ames, en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, desenvolveu varios obradoiros dirixidos á mocidade amiense. Algúns dos obradoiros realizados foron o de orientación laboral (desenvolveuse no mes de setembro de 2011 e participaron nel 26 mozos e mozas do IES de Ames) e o programa de xuventude en acción: intercambio e iniciativas xuvenís, que tivo lugar o pasado 16 de decembro na Casa da Cultura de Bertamiráns.

Agora desenvolverase o obradoiro de asociacionismo e participación xuvenil. Esta xornada enmárcase dentro do programa ACTIVA, dirixido á mocidade de todos os municipios de Galicia, e que está promovido pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado. Este programa pretende facer chegar á mocidade, a través dun obradoiro práctico e dinámico, tanto información sobre os recursos dispoñibles dende a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado como formación que lles poda axudar de cara a un futuro.

Dende a concellaría de Asociacionismo, Igualdade, Muller e Xuventude preténdese fomentar o asociacionismo entre a mocidade amiense e que os mozos/as creen novas asociacións municipais para impulsar novas actividades culturais e deportivas, entre outras. Deste xeito, ofréceselles aos/ás interesados/as as ferramentas necesarias para coñecer os mecanismos e as pautas que hai que seguir para crear unha asociación.

A través do obradoiro preténdese que os e as asistentes coñezan as funcións dunha asociación xuvenil, os trámites que hai que realizar para a súa creación e o seu regulamento e funcionamento interno. Tamén se ofrecerá unha introdución sobre o asociacionismo e ofreceranse pautas para realizar a acta constitucional, estatutos, rexistro, facenda e financiamento dunha asociación. Este obradoiro impartirase de xeito presencial e terá unha duración de dúas horas.