Pestanas principais

Agustín Hernández avanza que este ano estará redactado o proxecto de ampliación da depuradora de Sisalde

Venres, 17 de febreiro de 2012

[17-02-2012] O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, avanzou esta mañá que ao longo de 2012 Augas de Galicia terá rematado a redacción do proxecto de ampliación da Estación depuradora de augas residuais (Edar) de Sisalde, no Concello de Ames. Durante unha visita á estación acompañado polo rexedor municipal, Santiago Amor, e varios membros da corporación municipal, o conselleiro Agustín Hernández aclarou que este período é necesario para culminar o proxecto e realizar o proceso de información ambiental, ao tratarse dunha iniciativa de interese xeral que se ubicará en zona de Rede Natura. Nese senso, sinalou que ningún proxecto da Consellería de Medio Ambiente se levará a cabo sen que se xustifiquen e se cumpran as máximas garantías que fixa a normativa ambiental en vigor.


Trámites avanzados

Agustín Hernández destacou que este proxecto xa ten un paso avanzado ao dispor dos terreos necesarios para executar a ampliación desta instalación hidráulica. Lembrou que cando se executou a actual Edar xa quedaban reservados máis de 17.000 m2 para a súa posible ampliación, polo que os terreos non suporán ningún problema. Non obstante, precisou que esta expansión ocupará uns 13.000 m2.

Coordinación

O conselleiro de Medio Ambiente destacou que a ampliación da Edar de Sisalde é unha actuación coordinada coa política en materia de abastecemento e saneamento defendida pola Xunta de Galicia dende a súa toma de posesión.

Destacou que se trata dunha actuación prevista e recollida como prioritaria no Plan Hidrolóxico Galicia- Costa, ao tempo que se trata dunha iniciativa programada no Plan de Saneamento da Xunta de Galicia, que se executaría en dúas fases: para dar servizo a 30.000 habitantes e ata dar servizo a 50.000 habitantes.


Hernández manifestou que se trata dun proxecto que segundo as estimacións do departamento que dirixe implica un investimento de 6 millóns de euros. O conselleiro de Medio Ambiente explicou que a nova infraestrutura que se proxecta poderá dar servizo a uns 30.000 habitantes, co que se corrixirá un dos principais problemas que presenta a actual Edar do concello, que é precisamente o da súa capacidade. Recordou que a infraestrutura hidráulica que funciona na actualidade foi inaugurada hai 10 anos (en 2001 e na actualidade explotada pola Administración local), pensada para 13.000 habitantes e a día de hoxe uns 18.000 habitantes están conectados á mesma.

Esta situación provoca unha saturación da Edar, e que un 50% do caudal non pasa o proceso de depuración, ao tempo que se producen vertidos ao río Sar. A ampliación da Edar de Sisalde vén a solucionar esta deficiencias, argumentou Hernández.

Neste sentido, o alcalde de Ames agradeceu "o compromiso da Xunta de Galicia coa rexeneración do río Sar e coa mellora das infraestruturas de saneamento". Santiago Amor lembrou que "hoxe é posible falar da ampliación desta Edar porque, cando se construíu, o goberno popular xa fixo a previsión dos terreos". A ampliación, asegurou o alcalde, é "necesaria" e "hoxe é un día importante para os veciños de Ames". "Estamos a falar da rexeneración do Sar e agardamos poder seguir dando boas novas concernentes ao saneamento e abastecemento no Concello de Ames", concluíu.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "La EDAR de Sisalde triplicará capacidad para aliviar el río Sar"
La Voz de Galicia: "La depuradora de Sisalde dará servicio a 30.000 amienses"