Pestanas principais

A agrupación musical Odaiko presenta no Milladoiro o espectáculo “Invención”

Martes, 27 de decembro de 2016

[27-12-2016] O grupo Odaiko presenta este mércores, 28 de decembro, ás 17:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro o espectáculo “Invención”. Esta proposta busca a complicidade do público, quen participará así dunha maxistral clase de enxeño. Odaiko amosará a crianzas e persoas adultas unha chea de aparellos innovadores e composicións virtuosas. A súa posta en escena e as boas doses de humor retranqueiro que contén, converten a “Invención” nun divertido espectáculo. As entradas para os espectáculos infantís de Nadal están á venda na Billeteira electrónica municipal.

Despois de “Odaiko nas escolas” e “Vaia circo”, Odaiko fai un repaso das grandes invencións do ser humano ao longo da historia. En “Invención”, a imaxinación e a creatividade son pezas fundamentais para a creación de novos obxectos e a busca de solucións ás que o ser humano se ten que enfrontar no día día. Pasando por moitas invencións dende as máis sinxelas ata as que resultaron ser froito da industrialización, a introdución do plástico, etc. sempre se chega á conclusión de que o futuro é reflexo do pasado e, por tanto, a conexión e o equilibrio entre o tradicional e o moderno está sempre moi presente.

Como en todos os espectáculos de Odaiko, o enxeño e a conexión co público son as pezas clave máis características de “Invención”. Odaiko está integrado por percusionistas multidisciplinares cunha reputada traxectoria ás súas costas e cun afán de combinar o mellor do pasado cun presente sen limitacións. Para coñecer as súas orixes hai que remontarse ao ano 2002 e á Holanda, sendo no 2004 cando sacan á luz o seu primeiro proxecto na cidade de Ourense, onde sempre se aplaudiron a estrea dos seus espectáculos.

Venda de entradas para os espectáculos infantís
Dende o departamento de Cultura infórmase de que están a venda as entradas dos espectáculos infantís de teatro, música e danza da programación de Nadal. Ditas entradas pódense mercar na Billeteira electrónica municipal. Para iso tan só hai que acceder á páxina principal desta web e premer nun dos dous banner que hai da Billeteira, que están na cabeceira da web ou debaixo da sección de Avisos.