Pestanas principais

A agrupación de voluntarios e voluntarias de Protección Civil de Ames conta cun novo vehículo e cunha bicicleta para desenvolver o seu traballo

Sábado, 07 de xullo de 2018

[07-07-2018] O alcalde de Ames, José Miñones, e mailo concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, que é o presidente da Agrupación de voluntarios/as de Protección Civil, mantiveron un encontro co xerente do establecemento hostaleiro Tropic Burguer, que vén de cederlle de xeito gratuíto unha bicicleta a dita agrupación para que poidan realizar labores de vixilancia e control nos Camiños de Santiago que discorren por Ames, así como para outros traballos en eventos deportivos e noutros tipo de actos. Asemade, aproveitouse este acto para presentar o novo vehículo co que conta este grupo de Protección Civil, que foi alugado polo Concello na modalidade renting. Durante o primeiro semestre de 2018 esta agrupación participou en máis de 500 operativos do 112.

A agrupación de voluntarios/as de Protección Civil do Concello de Ames cumprirá un ano en funcionamento no vindeiro mes de setembro. Dende que botou a andar en setembro de 2017 vai dando pasos de cara a mellorar e prestar un mellor servizo. Deste xeito, dende este venres, 7 de xullo, esta agrupación conta cunha bicicleta cedida polo xerente do establecemento hostaleiro Tropic Burguer, que será empregada para realizar labores de vixilancia e control nos Camiños de Santiago que pasan polo concello de Ames (o Camiño Real de Santiago a Fisterra - Muxía e o Camiño Portugués), en eventos deportivos e para facer traballos de control nos núcleos urbanos de Bertamiráns e do Milladoiro.

Asemade, aproveitouse este acto para presentar o novo vehículo co que conta este grupo de Protección Civil, que foi alugado polo Concello na modalidade renting, así como dous botiquíns de primeiros auxilios que tamén foron mercados polo propio Concello. A este material hai que engadir un desfibrilador externo semiautomático (DESA), que foi cedido pola Dirección Xeral de Protección Civil e Emerxencias da Xunta de Galicia.

Cómpre lembrar tamén que no pasado mes de decembro o Concello de Ames adheriuse ao plan de control da avespa velutina que desenvolve a Consellería de Medio Rural. Deste xeito, facilitóuselle ao persoal da Agrupación de Protección Civil a formación necesaria para realizar traballos de retirada de niños de avespas velutinas, así como dous equipo de protección individual e unha pértega e elementos accesorios co obxectivo de executar ditos traballos.

Máis de 500 operativos no primeiros semestre de 2018
Durante o primeiro semestre de 2018 esta agrupación participou en máis de 500 operativos do 112. Divido por meses, este grupo de Protección Civil participou en 49 operativos en xaneiro; 62 en febreiro; 91 en marzo; 92 en abril; 105 en maio; e 112 en xuño. A este número de operativos hai que engadirlle 82 máis nos que interviron durante os meses de outubro, novembro e decembro de 2017. Os operativos nos que participan son: accidentes en estrada; retirada de animais soltos; requirimento das forzas de seguridade; salvamento/rescate; avisos pola presencia de niños de avespas velutinas; incidencias de circulación; vertidos; asistencia sanitaria; e outras incidencias.

Os operativos nos que máis participaron os/as voluntarios/as foron en accidentes de estrada (71 operativos); retirada de animais soltos (184 actuacións); operativos propios da Agrupación de Protección Civil de Ames (114 actuacións); e avisos de velutina (38 operativos). En cada operativo de retirada de avespas velutinas, os voluntarios/as retiraron varios niños. Ata o de agora retiraron máis de 60 niños primarios de avespa velutina.

Este corpo, está composto por 30 voluntarios/as, que traballan de xeito coordinado coa Policía Local. Ademais, hai 4 persoas que veñen de inscribirse na agrupación e que durante as vindeiras semanas comezarán a traballar no corpo de Protección Civil. Prestan servizo nos distintos eventos e actividades nos que intervén a Policía Local. Ademais, prestan axuda en materia de emerxencias, incendios forestais, tráfico e outros eventos municipais (deportivos, culturais, etc) que se desenvolven ao longo do ano.

Formación dos/as voluntarios/as
Durante estes meses o Concello de Ames apostou pola formación dos/as voluntarios/as desta agrupación para que puideran desenvolver o seu traballo do mellor xeito posible. Así, todos/as teñen o curso básico de protección civil. Ademais, participaron en cursos de formación en desfibrilación semiautomática externa (DESA) para persoal non sanitario; coordinación operativa en plans de emerxencia; prevención e loita contra incendios urbanos e forestais; accidentes na estrada; busca e localización de persoas desaparecidas: metodoloxía, coordinación de recursos e novas tecnoloxías; marco regulamentario dos drons e o seu uso en emerxencias; e coordinación en actos públicos e multitudinarios.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Los voluntarios de Protección Civil de Ames participaron en más de 500 operativos este año"
El Correo Gallego: "Los voluntarios de Protección Civil vigilarán con bicicleta los Caminos"
Compostela 24 horas: "A agrupación de voluntarios de protección civil conta cun novo vehículo e cunha bicicleta para desenvolver o seu traballo”