Pestanas principais

A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Ames recibe unha carpa de emerxencias para os operativos nos que intervén

Sábado, 26 de marzo de 2022

Esta semana a Xunta de Galicia entregou 7 carpas, para ser despregadas en situacións de emerxencia, a Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) dos concellos de Ames, Carballo, Carral, Cerceda, Lousame, A Pobra do Caramiñal e Padrón. Esta carpa de emerxencias, que se empregará en eventos deportivos e para atender calquera tipo de incidencia, únese a diverso material co que xa contaba a Agrupación de voluntarios e voluntarias de Protección Civil de Ames. Na actualidade, esta agrupación está formada por un grupo de 30 persoas e conta con diverso material que empregan nos diferentes operativos nos que interveñen.

Dende a súa creación no ano 2017 a Agrupación de voluntarios e voluntarias de Protección Civil de Ames participa en diferentes operativos entre os que destacan accidentes de circulación, rescates, incendios urbanos e forestais, labores derivadas da pandemia da Covid e en diferentes eventos culturais e deportivos organizados polo Concello de Ames. Para poder prestar un servizo axeitado dispoñen de diverso material que foron recibindo nos últimos anos.

Deste xeito, dende esta semana contan cunha carpa para ser despregada en situacións de emerxencia que se une ao material que xa tiñan. Dita carpa empregarase para cubrir eventos deportivos, para atender calquera tipo de incidencia e para montar un posto de mando avanzado.

Na actualidade dispoñen de dous vehículos: un Nissan Qashqai e unha pick-up Nissan Navara, dotada de botiquín, lanternas, un cabrestante e demais equipamento; así como dun UTV (vehículo para tarefas rápidas), que se emprega para vixiar os camiños de Santiago ao seu paso por Ames, realizar labores de asistencia en diferentes eventos municipais, especialmente no rural, e atender calquera emerxencia en zonas de acceso complicado.

Tamén se conta con dúas bicicletas, para realizar traballos de control do Camiño de Santiago ao seu paso por Ames, e tres remolques. Un deles está equipado co seguinte material: unha motoserra, material de seguridade viaria con reflectores e conos, un xerador, material para inundacións, con dúas bombas de achique (unha a gasolina e outra eléctrica) e un proxector e unhas gomas para impulsar a auga. Un segundo remolque conta cun equipo de extinción de incendios e outro emprégase para carga e transporte. Ademais, a agrupación tamén conta con outros medios que facilitan o seu traballo como cintas sinalizadoras, equipamento de sinalización, equipos de comunicación e vestimenta de protección.

Para o alcalde e concelleiro de Protección Civil, Blas García, é imprescindible seguir apoiando e investindo en Protección Civil xa que “a labor que realizan desde a súa creación é moi importante e necesaria, e agora este concello tería unha carencia enorme sen o servizo que prestan as voluntarias e voluntarios de Protección Civil”.

Asemade, Blas García, destacou moito “o valor das voluntarias e voluntarios, xa que sen eles todo este material e todo este traballo non sería posible telo”, ademais engade que “son un grupo de 30 persoas as que están agora mesmo, pero hai outras moitas que agora mesmo non están pero si estiveron ao longo destes dous anos os cales tamén lle agradecemos todo o traballo que fixeron”.

O presidente da Agrupación, José Pérez Crespo, destaca o traballo e mailo esforzo de todos e todas as voluntarias nos operativos que participan e tamén nos cursos de formación que participan “porque isto é o que nos permite seguir recibindo material para que poida ser empregado en prol da veciñanza de Ames. Nos cinco anos que levamos funcionando todos os anos recibimos por parte da Xunta material. Para a distribución de dito material tense en conta o número de operativos nos que se participa, a colaboración con outras agrupacións e mailos cursos formativos realizados, polo que hai que destacar a gran labor que están realizando os voluntarios e voluntarias de Protección Civil de Ames”.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Carpas para Protección Civil de sete municipios"

A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Ames recibe unha carpa de emerxencias para os operativos nos que intervén

Multimedia

  • A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Ames recibe unha carpa de emerxencias para os operativos nos que intervén
  • A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Ames recibe unha carpa de emerxencias para os operativos nos que intervén
  • A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Ames recibe unha carpa de emerxencias para os operativos nos que intervén
  • A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Ames recibe unha carpa de emerxencias para os operativos nos que intervén