Pestanas principais

A Agrupación de Protección Civil de Ames participou nun cento de operativos do 112 desde o mes de novembro

Xoves, 04 de xaneiro de 2018

[04-01-2018] O pasado mes de xuño, o Pleno do Concello de Ames aprobou a creación dunha agrupación de persoas voluntarias de Protección Civil, a cal realizou a primeira das súas actuacións o pasado 9 de setembro, colaborando na organización da primeira edición da Carreira da Familia. Posteriormente, a Agrupación foi dada de alta no Rexistro de Protección Civil da Xunta de Galicia e no servizo de emerxencias do 112 no mes de novembro, actuacións que posibilitaron a súa participación en diferentes operativos desenvolvidos pola Axencia Galega de Emerxencias. Entre as súas tarefas sobresae, asemade, a retirada de niños da avespa velutina e a recollida de animais abandonados na rúa. A Agrupación de Protección Civil de Ames participa tamén nos eventos nos que intervén a Policía Local, sempre de xeito coordinado con este corpo de seguridade.

Na actualidade, a Agrupación de Protección Civil do Concello de Ames está formada por 27 persoas, das cales 23 están operativas de xeito habitual. Estas voluntarias e voluntarios contan cun vehículo, un Dacia Duster do departamento de Obras e Servizos Básicos, co que acoden habitualmente ás chamadas dos operativos, empregando tamén, cando así o requiren as circunstancias, outros vehículos deste departamento. Da mesma maneira, a Agrupación tamén conta con outros medios que facilitan o seu traballo como lanternas, botiquíns, cintas sinalizadoras, equipamento de sinalización, equipos de comunicación básicos e vestimenta de protección.

No tocante á formación, foron seis as persoas voluntarias que realizaron o curso básico de protección civil. A seguridade viaria centrou outra das formacións realizadas polas voluntarias/os da agrupación, que recibiron un curso neste ámbito a cargo dos axentes da Policía Local de Ames. Ademais, nos vindeiros meses, a AVPC tamén realizará diferentes formacións relativas ao control e vixilancia da avespa velutina, así como outra de reanimación cardiopulmonar (RCP). Así mesmo, aproveitando que a agrupación está formada por catro bombeiros forestais, catro bombeiros urbanos, un técnico de emerxencias sanitarias e tres militares con coñecementos específicos de emerxencias, a partir deste mes de xaneiro comezarase a realizar unha formación cooperativa entre os membros a través da partilla de coñecementos. 

"A intención da Agrupación é ir paso a paso cumprindo obxectivos e retos, e que Protección Civil de Ames se converta nun referente entre a veciñanza amesá" destacou o concelleiro de Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García. O concelleiro tamén quixo agradecer o traballo e dedicación das persoas voluntarias, xa que “durante estes meses amosaron un interese pola posta en marcha e bo funcionamento da AVPC de Ames”.

Traballos desenvoltos en colaboración co 112
O Concello de Ames realizou, o pasado novembro, os trámites necesarios para dar de alta a súa Agrupación de Protección Civil no Rexistro de Protección Civil da Xunta de Galicia. Da mesma forma, a agrupación tamén se deu de alta no servizo de emerxencias do 112, o que posibilitou a súa participación en operativos postos en marcha pola Axencia Galega de Emerxencias. Ademais, estas altas tamén permitirán que a agrupación opte ás axudas que outorga a Xunta de Galicia.

Desde o mes de novembro, a AVCP de Ames participou en preto dun centenar de operativos desenvoltos polo 112. O incendio detectado en Trasmil, na parroquia de Agrón, varios accidente de tráfico no Milladoiro e a caída do tendido eléctrico foron algúns destes operativos nos que se solicitou a colaboración da Agrupación de Protección Civil de Ames. 

Loita e control contra a avespa velutina
Ao longo destes meses, a AVCP vén desenvolvendo traballos relativos ao control e eliminación da avespa velutina, encadrados dentro do Plan de Control da Vespa Velutina da Xunta de Galicia, ao que se adheriu o Concello de Ames e polo que recibiu unha pértega e dous traxes. Ademais, o Concello de Ames xa ten solicitado á AXEGA a entrega de máis equipos para poder subministrarllos ás voluntarias e voluntarios que se adiquen a esta tarefa.

Servizo de lacería
A recollida de animais é outra das competencias da Agrupación de Protección Civil de Ames, o que se debe, en parte, á aprobación da nova Lei de Protección Animal de Galicia e a ser este un dos servizos máis demandados polo CIAE 112 Galicia. O Concello de Ames dotou á AVPC dun remolque para gardar os animais recollidos, dous lazos para a captura, gaiolas e locais de tránsito para os animais, mentres non son trasladados ao refuxio. En novembro, foron localizados e recollidos seis animais abandonados, mentres que en decembro foron oito.

Creación dunha base de protección civil
Un dos obxectivos marcados para o vindeiro ano é a creación dunha base desde a que poder operar e centralizar os servizos, os operativos e a atención á cidadanía. Con esta finalidade, o Concello de Ames está a traballar na posta en marcha dunha espazo en Aldea Nova, localización que destaca pola súa boa comunicación con todos os puntos do concello, xa que se atopa a dous quilómetros de Bertamiráns e a un do enlace da AG-56, na zona este de Bertamiráns, co que se acorta a distancia ao Milladoiro e a outras zonas do municipio.

A apertura desta base está programada, inicialmente, para finais deste mes de xaneiro. O espazo contará, previsiblemente, cunha zona de estar e lecer e cunha zona de atención ao público e de xuntanzas. Do mesmo xeito, estase a xestionar un lugar de almacén e garaxe para vehículos.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Protección Civil de Ames alcanzó ya los 100 operativos"
La Voz de Galicia: "Protección Civil de Ames suma cien actuaciones en dos meses"