Pestanas principais

A Agrupación de Protección Civil de Ames participou en 1.024 operativos do 112 no que vai de ano

Xoves, 05 de decembro de 2019

A Agrupación de Protección Civil do Concello de Ames, coincidindo coa conmemoración do Día internacional do voluntariado, este xoves 5 de decembro, estivo achegando información sobre o seu traballo en dúas carpas: unha situada na praza do Concello, en Bertamiráns, e outra diante do Centro Comercial Novo Milladoiro. Ademais, deron a coñecer o material co que contan para realizar o seu traballo na praza do Concello. Á presentación do material asistiron o alcalde de Ames, José Miñones, o concelleiro de Protección Civil, Blas García, o presidente de dita agrupación, Juan Pérez Crespo, e varios/as voluntarios/as. Nas últimas semanas a Xunta de Galicia entregoulle un remolque e a empresa Construcciones Iglesias Mera SL dooulle unha bicicleta, polo que pasan a dispoñer de dúas bicis. De xaneiro a finais de novembro os/as voluntarias/as de Protección Civil participaron nun total de 1.024 operativos do 112.

Ao longo de toda a xornada varios voluntarios/as estiveron en dous stands na praza do Concello, en Bertamiráns, e diante do Centro Comercial Novo Milladoiro, dando información do traballo que realizan ao longo do ano. Ademais, hoxe pola tarde, ás 17.00 horas, realizaron na praza do Concello unha mostra do material do que dispoñen para realizar os seus operativos. Cómpre destacar que nas últimas semanas a Xunta de Galicia entregoulle un remolque con material e a empresa Construcciones Iglesias Mera SL dooulle unha bicicleta, polo que pasan a dispoñer de dúas bicis.

José Miñones, alcalde de Ames, comenta que “valoro moi positivamente o labor de Protección Civil, xa que é unha agrupación que se consistiu fai pouco máis de dous anos e neste tempo foi capaz de consolidarse facendo 3000 operativos, sempre coordinados co 112, e iso é posible grazas ao traballo que exercen os voluntarios e voluntarias”.

Asemade, Blas García, concelleiro de Protección Civil, destacou moito “o valor das voluntarias e voluntarios, xa que sen eles todo este material e todo este traballo non sería posible telo”, ademais engade que “son 34 persoas as que están agora mesmo, pero hai outras moitas que agora mesmo non están pero si estiveron ao longo destes dous anos os cales tamén lle agradecemos todo o traballo que fixeron”. Tamén tivo unha mención especial para “as empresas e particulares que, de maneira desinteresada colaboran con Protección Civil, xa que sen eles tampouco sería o mesmo”.

Deste xeito, as voluntarias e voluntarios contan cos dous vehículos: un Nissan Qashqai e unha pick-up Nissan Navara, dotada de botiquín, lanternas, un cabrestante e demais equipamento. Tamén se conta con dúas bicicletas para realizar traballos de control do Camiño de Santiago ao seu paso por Ames e cun remolque e un remolque. Este último está equipado co seguinte material: unha motoserra, material de seguridade viaria con reflectores e conos,  un xerador, e material para inundacións, con dúas bombas de achique, unha a gasolina e outra eléctrica. A maiores, o remolque trae un proxector e unhas gomas para impulsar a auga. Ademais, a agrupación tamén conta con outros medios que facilitan o seu traballo como cintas sinalizadoras, equipamento de sinalización, equipos de comunicación e vestimenta de protección.

Protección Civil de Ames conta con 4 grupos de traballo
Na actualidade, a Agrupación de Protección Civil do Concello de Ames está formada por un grupo de 34 persoas, que están divididas en catro grupos de traballo. Un dos grupos dedícase a impartir charlas para dar a coñecer entre a veciñanza o traballo que se realiza neste grupo. Así, imparten estas actividades en campamentos, programas lúdicos e entre os membros de diferentes asociacións. Outros dos grupos de traballo dedícase a realizar traballos de control no Camiño Portugués, ao seu paso polo Milladoiro, e no Camiño de Santiago a Fisterra-Muxía. O terceiro grupo adícase ao control e retirada de niños de vespa velutina, mentres que o cuarto grupo de traballo colabora e presta apoio loxístico na extinción de incendios.

De xaneiro a novembro, o equipo de Protección Civil participou en 1.024 operativos do 112. Interviñeron nun total de 137 accidentes en estrada; 61 actuación de retirada de animais soltos; 7 asistencias sanitarias; 32 incidencias de circulación; 161 operativos de AVPC; 2 requirimentos das forzas de seguridade; 81 avisos pola presencia de niños de vespas velutinas; 6 accións de salvamento ou rescate; 3 solicitudes de información xeral; 4 intervencións por vertidos e 530 incidencias doutras índoles.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Ensalzan la labor del voluntariado con homenajes en Ames y Padrón"

La Voz de Galicia: "Protección Civil de Ames suma 1.024 operativos en este año"

Compostela 24 horas: "Protección Civil de Ames participou en 1.024 operativos no que vai deste 2019"

Día Voluntariado Protección Civil

Multimedia

  • Día Voluntariado Protección Civil
  • Día Voluntariado Protección Civil
  • Día Voluntariado Protección Civil
  • Día Voluntariado Protección Civil