[10-08-2011] Ames non só ten oferta festiva para todos os públicos os sábados e os domingos senón que pola semana os veciños e veciñas amienses tamén poden gozar de baile, música e moito divertimento grazas ao calendario de festas das parroquias amienses. A parroquia de Agrón celebra os días 10, 11 e 12 de agosto a festividade en honra ao santo Lourenzo, ao Santísimo Sacramento e ao santo Roque. Trátase dun evento lúdico, que terá lugar nas inmediacións da igrexa parroquial, organizado pola Asociación Cultural e Comisión de Festas de San Lourenzo de Agrón. Tres días de festa para os habitantes de Agrón. Tres días de entretemento para esta parroquia amiense.
Este mércores comezan as festas de Agrón. O 10 de agosto terá lugar o evento en honra ao santo Lourenzo que contará con misa solemne e posterior procesión a unha do mediodía. A sesión vermouth correrá a cargo do dúo Óbice, parella musical que lle amenizará a noite aos veciños/as de Agrón coa compaña da orquestra Philadelphia.
O día 11 de agosto, os veciños desta parroquia amiense venerarán ao Santísimo Sacramento cunha misa solemne ás trece horas e cunha procesión. Posteriormente comezará a sesión vermouth, que contará coa presenza do dúo Glamour. Pola noite, a gran verbena iniciará os seus primeiros pasos de baile coa participación de Glamour e da orquestra Gran Parada.
Este venres o protagonista da festa será o santo Roque que terá unha misa cantada a unha da tarde e unha procesión. Os veciños e veciñas amienses poderán gozar dunha sesión vermouth que contará coas voces do dúo Máster. Esta parella será a encargada de rematar os tres días de intensa festa e divertimento xunto coa orquestra Cinema.
Nas inmediacións da igrexa parroquial de Agrón haberá un aparcadoiro iluminado para aquelas persoas que desexen aloxar os seus automóbiles e a comisión de festas situará durante esta festividade unha gran cantina no campo da festa.
Divertimento asegurado para os veciños e veciñas amienses durante toda a semana posto que tras a celebración deste evento festivo en Agrón celebrarase esta fin de semana unha nova edición da festa da Peregrina en Bertamiráns.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "Celebraciones en la parroquia de Agrón, Ames"




