Pestanas principais

Agrón comeza este mércores a celebración das súas festas estivais

Martes, 09 de agosto de 2016

[09-08-2016] A comisión de festas de San Lourenzo de Agrón celebra un ano máis as súas festas estivais, facéndose oco no calendario de verán. A parroquia amesá acolle tres días de misas solemnes e concertos amenizadas por dúos e orquestras; o mércores 10, xoves 11 e venres 12 deste mes de agosto.


O primeiro día de festa iniciarase cunha misa solemne na honra a San Lourenzo, seguida da sesión vermú, que amenizará o dúo Élite. Este estará presente tamén pola noite para poñer son e animar ao público na primeira verbena das festas. O orquestra Tamarindos, formada fai máis de trinta anos nas illas Canarias e con gran éxito en Galicia, compartirá con eles o escenario.

A misa solemne do xoves 11 de agosto consagrarase ao Santísimo Sacramento. Trala súa celebración a orquestra Los Españoles encargarase de amenizar a sesión vermú. A formación, que conta con doce compoñentes entre músicos e cantantes, leva máis dun cuarto de século xirando polos escenarios galegos.

O último día de festas abrirao a misa solemne na honra a San Roque. A sesión vermú deste peche festeiro estará a cargo do trío Alborada, e as súas cancións para o público nostálxico da música de sempre. Os seus pasodobres, rumbas, cumbias e merengues soarán de novo pola noite na verbena que pecha estes tres días de festexos. Nela ao trío Alborada sumarase a música do grupo Zeltia.

Contido relacionado


El Correo Gallego:"Seis formacións musicais dende hoxe e ata o xoves na parroquia de Agrón"