Pestanas principais

Agrón celebra esta fin de semana as últimas festas da temporada estival

Venres, 10 de outubro de 2014

[10-10-2014] O Concello de Ames da a última despedida á temporada estival coas festas patronais da parroquia de Agrón que se celebrarán o sábado 11 e o domingo 12. A Asociación Cultural - Comisión de festas de San Lourenzo será, unha vez máis, a encargada de organizar estes festexos que honran á Virxe do Rosario. Ademais dos actos relixiosos haberá atraccións para os máis pequenos e música a cargo das orquestras Caché, Bahía Blanca, Unión y Fuerza e Combo Dominicano. Esta última pechará a xira de 2014 ofrecendo o seu derradeiro concerto.

Ás 13:00 horas do sábado oficiarase unha misa. Posteriormente, a sesión vermú estará amenizada por Caché, o grupo que repetirá actuación na verbena da noite xunto á orquestra Bahía Blanca. O domingo, tamén ás 13:00 horas, terá lugar a misa previa á sesión vermú. Nesta ocasión soará a agrupación musical Unión y Fuerza, quen pola noite volverá a animar ao público antes do espectáculo da orquestra Combo Dominicano.

Cómpre destacar que o campo da festa estará cuberto por unha gran carpa para evitar as inclemencias climatolóxicas, e ademais, contarase cun amplo aparcadoiro que estará vixiado e iluminado.