- Tematica
Dentro das actividades incluídas dentro do primeiro plan municipal de benestar emocional e saúde mental contémplase actividades e programas para a mocidade, familias de alumnado en idade escolar, e persoas adultas con ansiedade, estrés, autoestima baixa, etc. Durante o último cuadrimestre deste ano comezaron os programas da tempada 2025-2025 con programas de intervención coa mocidade dos institutos e as súas familias, o programa grupal para persoas maiores de 55 anos, un taller de mindfulness e regulación emocional e mailo programa de cesación de tabaco en grupo. Para participar ou para solicitar máis información pódese enviar un correo electrónico ao enderezo uneames@gmail.com.
Este venres, 10 de outubro, celébrase o Día Mundial da Saúde Mental 2025 e con motivo de dita efeméride o Concello de Ames lembra os programas e actividades postos en marcha en 2024 dentro do I Plan de Benestar Emocional e Saúde Mental e que teñen continuidade durante o curso 2025-2026. Na actualidade botou a andar a segunda tempada de dito plan con actividades para a mocidade, familias de alumnado en idade escolar, e persoas adultas con ansiedade, estrés, autoestima baixa, etc.
O plan municipal de benestar emocional e saúde mental do Concello de Ames recolle liñas de acción concretas, prestando especial atención a nenos/as, adolescentes e persoas maiores, co obxectivo de previr e atender as súas necesidades para mellorar o benestar psicolóxico e a calidade de vida dos veciños e veciñas de Ames. Dito plan recolle unha estratexia global que proporcione un marco de acción común para previr, promover e atender ás necesidades de poboación sobre esta cuestión.
Durante a tempada 2025-2026 vanse impartir intervencións de promoción de benestar emocional e saúde mental no ámbito escolar, un programa grupal de benestar emocional para as persoas maiores, e un programa de cesamento de tabaco en grupo. Ao mesmo tempo vaise habilitar un espazo presencial de asesoramento técnico, coordinación e derivación para as problemáticas e demandas de saúde mental da poboación infanto-xuvenil e persoas adultas, a través do servizo UNE (Unidade de Necesidades Emocionais).
Intervencións coa mocidade
O plan de saúde mental inclúe diversas actuacións orientadas a diferentes colectivos. No ámbito da mocidade estase traballando nun programa de regulación emocional para alumnado de segundo de bacharelato dos IES de Ames (Bertamiráns) e do Milladoiro. A través deste programa axúdase á mocidade a facilitarlle ferramentas para a regulación do estrés, preparación das PAU, para a promoción do benestar emocional e prevención de condutas aditivas. Este programa impartirase nos meses de novembro e decembro e nel participarán arredor de 150 alumnos/as (90 do IES de Ames e 60 do IES do Milladoiro). Realizaranse catro sesións por grupo.
Ademais, realizaranse dúas sesións de formación para as familias co obxectivo de achegarlles ferramentas para acompañar ao alumnado nas situacións de estrés e ansiedade e aprender a regular as emocións de forma saudable para o benestar emocional durante o curso escolar de segundo de bacharelato.
Por outra banda, impartiranse 12 horas de formación repartidos en 6 obradoiros de 2 horas cada un. A través deste obradoiros impartirase formación de educación afectivo sexual dirixida ao alumnado de primeiro e segundo da ESO. Tamén se impartirá formación para as familias sobre acompañamento dos adolescentes para previr condutas de bullying e promoción do benestar emocional.
UNE Xoven
Asemade, púxose en marcha no pasado mes de marzo da Unidade de Necesidades Emocionais (UNE) Xoven dirixida á mocidade amesá. Este programa desenvolvese todos os mércores nos IES de Ames e Milladoiro e ofrece á rapazada asesoramento emocional (counseling) en coordinación dos departamento de orientación, que son os que derivan aos rapaces e mozos que demandan este servizo.
Benestar emocional para as persoas maiores
Por unha banda, no relativo ás persoas maiores, creouse un programa grupal de benestar emocional dentro do que se realizan unha serie de encontros en formato taller. Nestas sesións, que se imparten todos os venres de 17.00 a 19.00 horas, no Pazo da Peregrina, as persoas maiores de 55 anos do concello dispoñen dun espazo onde traballan para reducir os niveis de soidade; mellorar a saúde emocional e psicolóxica; incrementar a súa participación social; potenciar o sentido da comunidade; ofrecéselle recursos e servizos de apoio; promóvese o envellecemento activo e saudable; e crease conciencia e sensibilización sobre a soidade neste colectivo. Trátase dun grupo aberto e dinámico ao cal asisten unha media de 15 persoas.
Programa de cesamento de tabaco en grupo
Ao mesmo tempo, dende o 1 de outubro está en marcha o programa de cesación de tabaco en grupo no que participan 15 persoas. Trátase dunha actividade gratuíta que se vai a realizar durante os vindeiros meses de outubro, novembro e decembro. Este programa propón unha abordaxe multidisciplinar do tabaquismo. Está impartido por unha psicóloga con formación específica en tabaquismo en colaboración con outros profesionais. Para elo emprégase un programa multicompoñente que ten a maior evidencia científica demostrada para deixar de fumar. Dito programa ofrécese os mércores, ás 18.30 horas, no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. Impartiranse seis sesións presenciais e posteriormente haberá varias sesións de seguimento por teléfono.
Taller de mindfulness e regulación emocional
Dende o 23 de setembro estase realizando un obradoiro de regulación emocional, seguindo o método “Mindfulness”. Con esta proposta, búscase ofrecer ferramentas para enfrontarse ás situacións do día a día e mellorar na redución de estrés e ansiedade, na concentración e na memoria. Este taller é o segundo que se realiza este ano despois do impartido durante os meses de xaneiro, febreiro e marzo. Esta actividade na que participan 15 persoas impártese os martes de 17:00 a 18:30 horas, ao longo de oito sesións no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, conducidas polo psicólogo Juan Carlos Permuy.
Espazo presencial de asesoramento técnico
Tamén está en marcha un espazo presencial de asesoramento técnico, coordinación e derivación, para responder ás demandas e problemáticas das persoas adultas. Este espazo, chamado servizo UNE (Unidade de Necesidades Emocionais), está situado no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, e traballará os luns en horario de 19:00 a 21:00 horas.
A atención é presencial, con periodicidade semanal, e nel un profesional avalía a demanda e informa sobre os recursos existentes, realizando un seguimento daqueles casos que requiran dunha intervención en formato counseling de saúde mental e benestar emocional. Non se trata dunha consulta de atención psicolóxica, senón dun servizo de asesoramento e orientación psicolóxica. A través da UNE realízanse arredor de 16 entrevistas/sesións á semana.
Por último, no pasado mes de maio tamén se impartiu un obradoiro de 8 sesións para mellorar a saúde do sono no que participaron 15 persoas.







