Pestanas principais

Adxudícase por 402.760 euros o proxecto de creación de carreiros escolares nos centros urbanos de Bertamiráns e O Milladoiro

Sábado, 22 de outubro de 2022

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar a adxudicación do proxecto de creación de carreiros escolares que conectarán os núcleos urbanos de Bertamiráns e do Milladoiro cos centros de ensino. O proxecto de creación de sendeiros en Bertamiráns foi adxudicado á empresa Excavaciones y Transportes Ivanca SL por importe de 192.679,66 euros (IVA incluído), mentres que o proxecto de creación de sendeiros no Milladoiro adxudicouse á empresa SYR-AMG SL por importe de 210.080,80 euros (IVA incluído). Esta actuación está cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020. O obxectivo é crear uns carreiros escolares seguros dentro do entorno urbano que melloren a seguridade peonil.

O Concello de Ames está inmerso no desenvolvemento das actuacións recollidas na EDUSI Impulsa Ames. Neste senso avánzase na execución do proxecto de creación de carreiros escolares nos centros urbanos de Bertamiráns e do Milladoiro. Deste xeito, o proxecto de creación de sendeiros en Bertamiráns foi adxudicado á empresa Excavaciones y Transportes Ivanca SL por importe de 192.679,66 euros (IVA incluído), mentres que o proxecto de creación de sendeiros no Milladoiro adxudicouse á empresa SYR-AMG SL por importe de 210.080,80 euros (IVA incluído).

Entre os resultados esperados que se pretenden alcanzar coa esta actuación cómpre salientar o impulso e mellora da mobilidade sostible, a mellora da conexión entre as zonas escolares e os centros urbanos e maila mellora da accesibilidade. Tamén se pretende reducir o uso do vehículo particular, contribuír á igualdade de oportunidades, mellorar o medio urbano na súa dimensión ambiental, paisaxística e urbanística, co consecuente impacto no benestar da poboación, a promoción da cohesión social e territorial e a competitividade, e maila mellora do estado do chan urbano, recuperándoo para usos públicos amables co medio natural.

A concelleira de Mobilidade, Beatriz Martínez, explica que “co obxectivo de resolver o acceso de nenos/nenas e pais/nais aos centros educativos de infantil e primaria e aos institutos de educación secundaria de ambas as localidades e garantir tránsitos peonís seguros e adaptados, dende o Concello de Ames decídese crear estes carreiros de acceso aos colexios do municipio que funcionarán tamén como sendas verdes de carácter máis recreativo e estarán ao dispor da cidadanía en xeral”.

Carreiro escolar do Milladoiro
A senda escolar prevista para o acceso ao CEP de Ventín dende a zona oeste do Milladoiro terá un trazado eminentemente rural e está divida en tres treitos. O primeiro tramo parte dende a rúa do Buxo. É un camiño de terra que haberá que acondicionalo. Para iso vaise facer un pequeno desmonte e de seguido aplicarase zahorra e 10 centímetros de cemento para dotar ao firme dun chan antideslizante.

Na intersección deste camiño acondicionado coa estrada á aldea de Ventín poñerase un paso de peóns para cruzar pola marxe esquerda da devandita calzada para continuar coa senda. Neste segundo tramo prevese que a senda discorra polo carril esquerdo anulado e quedando o carril dereito activo para vehículos en sentido Ventín coa particularidade de quedar ese viario con velocidade 20 km/h de servizo ás naves comerciais dos arredores. Deste xeito, executarase un carreiro de tres metros de ancho que disporá dun borde de separación co carril de circulación de vehículos. Neste segundo tramo tamén se contempla a colocación de luminarias.

Ao final do tramo en asfalto comentado, este conéctase cun viario de acceso á aldea de Coira e un camiño en terra que chega á porta do CEP de Ventín, polo que ese camiño constituirá o terceiro e último tramo de acondicionamento da senda. Ao igual que no primeiro treito farase un pequeno desmonte e aplicarase zahorra e cemento para dotar a este tramo dun firme antideslizante.

Carreiro escolar de Bertamiráns
A senda escolar prevista para o acceso ao CEIP da Maía e ao IES de Ames, en Bertamiráns, realizarase creando unha senda peonil na beirarrúa existente modificada na avenida da Peregrina, partindo do cruzamento coa avenida principal da Maía coa propia avenida da Peregrina. Nese inicio da rúa é onde se prevé o inicio da senda peonil con pavimento diferencial da beirarrúa existente que se implementará na actual sección da avenida da Peregrina modificando anchos de plataforma e adaptándoa ás necesidades expostas e coordinándoo con outros proxectos en marcha como son o da améndoa central e o da renovación da iluminación pública do núcleo urbano de Bertamiráns.

O sendeiro de Bertamiráns disporá dun acho aproximado de tres metros, aínda que nalgúns tramos dito ancho terá que reducirse a dous metros e medio. Será un carreiro completamente accesible, xa que cumpre a normativa en canto ao desnivel. Para executar dito sendeiro aplicaranse 6 centímetros de aglomerado e un tratamento específico antideslizante.

Beneficios para os rapaces e rapazas
Trátase de rutas de trazado sinxelo e seguro. Rutas que favorecen que os nenos e nenas vaian aos seus centros educativos a pé ou en bicicleta, pero o seu uso e aproveitamento vai moito máis alá do eido educativo. O obxectivo é que os rapaces reconquisten as rúas, que recuperen as vilas, que poidan volver gozar dun espazo público rehumanizado, e para iso é imprescindible que poidan moverse con seguridade e autonomía.

Isto é fundamental para o seu desenvolvemento persoal e a tranquilidade das familias. Isto contribúe enormemente á súa confianza, autoestima e independencia. E non só ten efectos beneficiosos no eido emocional e psicolóxico. Con esta medida, a mellora na saúde dos menores é integral, axudando á prevención da obesidade nestas idades; diminuír o risco de enfermidades cardiovasculares; e contribúe a aumentar a masa muscular e a mellorar a saúde da columna vertebral.

A presente actuación está cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) cunha taxa de cofinanciamento do 80% dentro do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020, enmarcado dentro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Impulsa Ames, de conformidade coa Resolución do 21 de xullo de 2017, da Secretaria de Estado de Orzamentos e Gastos, pola que se resolve a concesión definitiva de axudas da segunda convocatoria para a selección de estratexias de desenvolvemento urbano sostible e integrado.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Adxudicados os carreiros escolares que conectarán Bertamiráns e O Milladoiro"

La Voz de Galicia: "Ames adjudica en 210.000 euros la creación de caminos escolares en Bertamiráns y O Milladoiro"

Imaxe do lugar por onde discorre o carreiro escolar do Milladoiro

Multimedia

  • Imaxe do lugar por onde discorre o carreiro escolar de Bertamiráns