Pestanas principais

Adxudícase por 153.549 euros o proxecto de cubrición do parque infantil da praza de Chavián, en Bertamiráns

Martes, 28 de maio de 2019

A Xunta de Goberno Local adxudicoulle á empresa Galitec Desarrollos Tecnológicos SL a obra de instalación e cubrición da área de xogos, ordenación e implantación de elementos no parque infantil da praza de Chavián, en Bertamiráns. Este proxecto, que será sufragado cos fondos que achega a Deputación da Coruña a través do POS 2018, foi adxudicado por un importe de 153.549 euros, IVE incluído. Tamén está en fase de licitación o proxecto de cubrición do parque infantil de Agro da Vella, no Milladoiro.

O proxecto de cubrición da área de xogos, implantación e ordenación de elementos no parque infantil de Chavián, en Bertamiráns, contempla a realización de obras de cubrición e protección dunha parte, de aproximadamente 160 metros cadrados, da praza situada en fronte á avenida da Maía. Está equipada como área de xogos infantís en dous espazos; un de usuarios/as en idade preescolar e o outro para nenos e nenas de 3 a 12 anos.

A zona que se vai a cubrir vai a ser a área de xogos para nenos e nenas en idade preescolar, mentres que na outra zona do parque infantil, que está destinada aos rapaces e rapazas de 3 a 12 anos, vanse a reordenar os elementos existentes e instalar un novo xogo de trepa con capacidade para 45 nenos/as aproximadamente.

Para a cubrición dunha parte do parque infantil, vaise a implantar unha estrutura metálica que se cubrirá mediante unha malla téxtil semitransparente lixeira que garante o uso da zona cuberta nas estacións de choiva e secas, e tanto nos períodos de iluminación diúrna como nocturna. A totalidade da intervención de cubrición máis a reordenación dos xogos actuais e a instalación do novo elemento de trepa, acada unha superficie de intervención construtiva sobre o ámbito de 653,90 metros cadrados.

Dito proxecto foi adxudicado por un importe de 153.549 euros, IVE incluído, á empresa Galitec Desarrollos Tecnológicos SL. Estes traballos serán sufragados cos fondos que achega a Deputación da Coruña a través do POS 2018.

Parque infantil de Agro da Vella
O proxecto de cubrición do parque infantil da Praza de Chavián únese ao proxecto das mesmas características que se vai desenvolver no parque infantil de Agro da Vella, situado no Milladoiro. Na Xunta de Goberno Local do pasado venres, 24 de maio, aprobouse o expediente de licitación desta obra cun orzamento de execución por contrata de 190.393,60 euros.

Este proxecto executarse na praza que está situada entre a rúa Agro da Vella, a rúa Palmeiras, a rúa Agro do Medio e a avenida Muíño Vello. Os traballos que se desenvolverán consisten en cubrir a área de xogos, que abrangue unha superficie de preto de 400 metros cadrados e realizaranse coa implantación dunha estrutura metálica porticada lixeira.

A Xunta de Goberno Local aprobou que o sobrante por baixas de licitación no POS+ 2017, que ascende a 154.148,21 euros, sexa investido neste proxecto de cubrición da área de xogos do parque infantil de Agro da Vella, situado no Milladoiro. O Concello de Ames porá 36.245,39 euros, para completar o orzamento total do proxecto que ascende a 190.393,60 euros.

Adxudícase por 153.549 euros o proxecto de cubrición do parque infantil da praza de Chavián, en Bertamiráns

Multimedia

  • Adxudícase por 153.549 euros o proxecto de cubrición do parque infantil da praza de Chavián, en Bertamiráns
  • Adxudícase por 153.549 euros o proxecto de cubrición do parque infantil da praza de Chavián, en Bertamiráns