Pestanas principais

Adxudícase o servizo de socorrismo e primeiros auxilios da praia fluvial de Tapia e das piscinas descubertas que comezará a funcionar o 15 de xuño

Martes, 31 de maio de 2016

[31-05-2016] O Concello de Ames acaba de aprobar en Xunta de Goberno Local a adxudicación do servizo de socorrismo e primeiros auxilios da praia fluvial de Tapia e das piscinas descubertas municipais de Bertamiráns e do Milladoiro. Este servizo foi adxudicado á empresa Serviplus por un importe total de 188.760 euros, IVE incluído, correspondente a un período inicial de dúas tempadas (2016 e 2017) máis dúas tempadas de prórroga (2018 e 2019). Ademais, o departamento de persoal está realizando un proceso selectivo para contratar seis vixiantes para traballar nestas mesmas instalacións durante a época estival.

O servizo de vixilancia e socorrismo do Concello de Ames estará activo a partir do 15 de xuño, incluídos os domingos e os festivos, momento que abrirán as piscinas municipais descubertas e mailas instalacións da praia fluvial de Tapia. O horario é ininterrompido, pero hai diferencias entre Tapia e as piscinas. Así, na praia fluvial de Tapia haberá catro socorristas. O horario de vixilancia de luns a venres é de 15:00 h a 21:00 horas, mentres que os sábados e domingos este servizo préstase en horario de 11:00 h a 21:00 horas. Nas piscinas municipais descubertas do Milladoiro e de Bertamiráns haberá dous socorristas en cada unha das piscinas. O horario de vixilancia é fixo de 10:30 h a 20:30 horas, de luns a domingo.

Para cubrir este servizo, o Concello de Ames sacou a licitación a contratación do servizo de socorrismo e primeiros auxilios na praia fluvial de Tapia e nas piscinas descubertas. Este contrato foi adxudicado, por un importe total de 188.760 euros, á empresa Serviplus. A duración inicial do contrato é de dúas tempadas (2016 e 2017) a contar dende o 15 de xuño de 2016, podendo prorrogarse de maneira expresa por unha tempada ata un máximo de catro tempadas (período inicial e prorrogas). A duración de cada tempada é de tres meses, desenvolvéndose o servizo dende o 15 de xuño ata o 15 de setembro de cada tempada.

Para completar os labores de vixilancia o Concello de Ames está realizando un proceso selectivo para contratar a seis vixiantes que atenderán as instalacións das piscinas municipais descubertas e da área recreativa de Tapia durante o período estival. Estes vixiantes son os encargados de realizar tarefas relacionadas co funcionamento das piscinas e co control do cumprimentos das normas das dependencias e os medios. Así, encárganse de abrir e pechar as instalacións, limpalas e coidalas, regar as zonas axardinadas, velar por un uso correcto das instalacións, controlar o acceso ás mesmas e comprobar que as augas dos vasos estean dentro dos parámetros químicos establecidos. Cada piscina ten asignados dous vixiantes, que desenvolverán as tarefas por quendas, polo que sempre haberá unha persoa traballando para manter as instalacións.

O alcalde de Ames, José Miñones, explica que "dende a área de Deportes estamos a traballar conxuntamente co departamento de obras para a adecuación das piscinas municipais. A adxudicación do servizo de socorrismo é unha alegría por partida dobre, xa que ademais de manter a cobertura conseguimos un prezo moito menor na licitación. Na actualidade xa estamos co proceso de contratación dos vixiantes de piscinas que en breve seleccionaranse".

Carnés de usuario das piscinas municipais descubertas
Por outra banda, o Concello de Ames abre este mércores, 1 de xuño, o prazo para solicitar os carnés de usuario das piscinas municipais descubertas. Os interesados poden solicitar información e os impresos na Casa da Cultura do Milladoiro, no teléfono 981 535 940, ou na Oficina de Deportes de Bertamiráns (Casa do Concello), no teléfono 619 842 504, en horario de luns a venres entre as 9:00 e as 14:00 horas.

O departamento de Deportes informa de que para solicitar a tarxeta de usuario/a é preciso presentar o impreso de solicitude cuberto, unha foto de carné por cada usuario/a novo ou o carné do ano anterior se fose o caso, e mailo impreso de autoliquidación selado pola entidade bancaria onde se fixo o pago. O único requisito imprescindible para conseguir este abono é estar empadroado no Concello de Ames.

Para este verán ofértanse varios tipos de abono: o familiar de tempada (no que se inclúen pais e fillos, menores de 18 anos, e fillos menores de 25 anos cando estes non dispoñan de ingresos propios) que custará 20 euros; o individual (14 euros) e o abono de tempada para menores de idade (7 euros). Tamén haberá abonos mensuais para adultos (7 euros) e para menores de 18 anos (5 euros). Os menores de 4 anos están exentos e non pagan. Ademais, ofrécense facilidades para familias numerosas e unidades familiares con poucos recursos.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Serviplus y seis vigilantes van a velar por las zonas de baño"