Pestanas principais

Adxudícase o proxecto de pavimentación do acceso ao lugar de Sura, na Ameixenda, por un importe de 63.220 euros

Venres, 28 de agosto de 2020

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar a adxudicación das obras de pavimentación do viario de acceso á aldea de Sura, pertencente á parroquia da Ameixenda, que están incluídas no POS Adicional 1/2019. Dito proxecto foi adxudicado á empresa Obras y Viales de Galicia SL (OVIGA SL) por un importe de 63.220 euros. Este proxecto súmase aos que se van desenvolver para mellorar os viarios interiores de Raíces e pavimentar o camiño de Tarrío a Raíces, que tamén están incluídos no POS Adicional de 2019. Estas tres obras suman un importe total de 202.384,35 euros.

A Xunta de Goberno Local aprobou a adxudicación dun novo lote de obras de pavimentación de camiños e viarios municipais, incluídas no POS Adicional de 2019. Estes proxectos licitáronse por lotes, para non facelo de xeito individualizado. Así, gáñase tempo no proceso administrativo co obxectivo de que os proxectos se adxudiquen e executen o antes posible. As obras adxudicadas son a pavimentación do viario de acceso á aldea de Sura, pertencente á parroquia da Ameixenda.

Dito proxecto foi adxudicado á empresa Obras y Viales de Galicia SL (OVIGA SL) por un importe de 63.220 euros. Deste xeito, actuarase nun viario de 2.010 metros de lonxitude, dividido en dous treitos de 310x4,50 e 1.700x3,50 metros, así como en 125 metros cadrados de sobreanchos.

A través desta actuación vaise mellorar a capa de rodaxe con cinco centímetros de aglomerado en quente a toda a plataforma, previa reparación de baches e perfilado de mordentes con grava e tratamento asfáltico semiprofundo. Completan a obra a limpeza de gabias e salvagabias para o correcto drenaxe lonxitudinal e transversal e a sinalización horizontal con pintado de liñas en bordes e símbolos.

Plan de mellora dos camiños da zona rural
O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, explica que “se trata dunha actuación incluída dentro dos proxectos financiados con cargo ao POS+ Adicional 1/2019. Estes traballos están recollidos nun plan máis amplo que contempla ir mellorando os camiños interiores e de acceso ás aldeas do rural amesán, que se irán facendo con cargo a fondos municipais e da Deputación da Coruña”.

O concelleiro de Obras indica tamén que a esta actuación na parroquia da Ameixenda hai que sumarlle a xa realizada recentemente desde O Mercuto a A Folgueira, na que se pavimentou a estrada. A construción do saneamento no propio lugar de Sura, o arranxo do campo da festa, o asfaltado dunha pista no interior de O Mercuto ou o asfaltado dunha pista en Quintáns.

Ademais, está previsto realizar o próximo ano a mellora do asfalto da estrada que vai de O Mercuto ata O Vilar, na que se construirán unhas sendas peonís de seguridade. Blas García remata dicindo que "este Goberno está concienciado coa importancia que ten o rural amesán, e por iso estamos a realizar unha clara aposta pola mellora dos nosos núcleos e os seus accesos".

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Mejoras viarias en la aldea de Sura, en A Ameixenda"

La Voz de Galicia: "La pavimentación del acceso a Sura costará 63.220 euros"

Imaxe do lugar de Sura, na Ameixenda

Multimedia

  • Imaxe do lugar de Sura, na Ameixenda
  • Imaxe do lugar de Sura, na Ameixenda