Pestanas principais

Adxudícase o novo contrato para a implantación e mantemento dunha nova plataforma de administración electrónica por 492.746 euros

Domingo, 25 de outubro de 2026

A Xunta de Goberno Local adxudicou este xoves, 22 de outubro, o contrato de subministro, implantación e mantemento dunha nova plataforma de administración electrónica para o Concello de Ames. O novo contrato foi adxudicado á empresa esPublico servicios para la administración electrónica por un importe de 492.746,58 euros (IVE incluído). O contrato terá unha duración de tres anos podendo prorrogarse anualmente ata un máximo de catro anos (incluído o período inicial e a prórroga).

A administración electrónica é unha prolongación da oficina administrativa tradicional, dispoñible para que a cidadanía poida realizar os seus trámites as 24 horas dos 365 días do ano. Para mellorar as súas funcionalidades o Concello de Ames vén de adxudicar un novo contrato para o subministro, implantación e mantemento dunha nova plataforma de administración electrónica. Dita plataforma permite que particulares e empresas poidan realizar trámites electrónicos a través da firma dixital mediante a ferramenta de Autofirma. Ademais, a plataforma incorpora un módulo de rexistro electrónico xeral plenamente integrado no Sistema de Interconexión de Rexistros (SIR).

A concelleira de Servizos Económicos, Susana Señorís, indica que “é necesario avanzar e mellorar a relación electrónica coa veciñanza de Ames. Nunhas semanas comezará a funcionar a nova plataforma de administración electrónica do Concello, que permitirá mellorar interna e externamente as xestións dos expedientes e maila relación con outras administracións. Permitirá tamén realizar as xestións do padrón municipal de xeito dixital, sen ter que desprazarse á Casa do Concello”.

A nova plataforma de administración electrónica permite:
-Tramitar electronicamente os expedientes, mediante un rexistro electrónico xeral,
interoperable co resto de rexistros electrónicos das Administracións Públicas, mediante sistemas de identificación e sinatura electrónica para o acceso electrónico aos trámites ou procedementos administrativos e mediante un sistema interno de tramitación electrónica.

-Realizar a xestión integra do Padrón Municipal de Habitantes, contemplando todas as fases de tramitación, histórico e interacción con organismos relacionados como o INE, alén da súa integración co xestor documental.

-Arquivar electronicamente e dispoñer dun arquivo electrónico único de documentos que correspondan a procedementos finalizados (ARQUIVE).

-Garantir o dereito á información e á transparencia, a través do catálogo de procedementos de SIA e sede electrónica, actualizando a información do Punto de Acceso Xeral Electrónico (Punto de Acceso Xeral administración.gob.es), publicando en sede electrónica os códigos seguros de verificación, etc.

-Garantir un funcionamento electrónico interno, a través dun sistema de xestión e tramitación de expedientes electrónicos e creando a sede electrónica, cumprindo co Esquema Nacional de Interoperabilidade (ENI) e o Esquema Nacional de Seguridade (ENS).

-Traballar de forma coordinada e interoperable con outras Administracións mediante a
interconexión de redes, etc.

Diminución de cargas administrativas
A nova plataforma permite identificar aos interesados e maila xestión da representación. Ademais, vai diminuír a carga administrativa, xa que estará conectada coa Plataforma de Intermediación de Datos (PDI) e coa Plataforma da Comunidade Autónoma de Galicia (Pasaxe), permitíndolle ao Concello acceder electronicamente á información necesaria, evitando así a presentación repetida de documentos por parte do interesado.

Outras funcionalidades son o rexistro electrónico xeral, xerar copias auténticas, xestión documental electrónica (a plataforma está capacitada para exportar documentos e expedientes electrónicos en formatos estruturados conforme ás normas técnicas mencionadas), automatización de actuacións administrativas, control interno, contratación electrónica, etc. Ademais, permite o envío de expedientes aos órganos xudiciais ao estar integrada coa aplicación (INSIDE).

Adxudícase o novo contrato para a implantación e mantemento dunha nova plataforma de administración electrónica por 492.746 euros