Pestanas principais

Adxudícase de xeito definitivo a obra de construción do IES do Milladoiro

Mércores, 23 de febreiro de 2011

[23-02-2011] A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria acaba de adxudicar de xeito definitivo a obra de construción do IES do Milladoiro. Este proxecto será executado pola empresa Dragados que disporá dun prazo de 16 meses para levar a cabo esta obra, polo que o IES do Milladoiro podería estar rematado para entrar en funcionamento ao inicio do curso 2012-2013. Este centro de ensino contará con 16 unidades de ESO e 3 de Bacharelato. O novo centro foi adxudicado por un importe que supera os 5,3 millóns de euros. No prazo de dez días asinarase o contrato da obra coa empresa adxudicataria e posteriormente comezarán as obras.

O proxecto do IES do Milladoiro vai dando pasos de xeito paseniño. A Consellería de Educación e ordenación Universitaria vén de adxudicar de xeito definitivo a obra de construción do instituto de ensinanza secundaria que estará situado na localidade máis poboada do termo municipal de Ames. Este centro foi adxudicado á empresa Dragados que foi a que presentou a mellor oferta entre as 51 empresas que se presentaron ao concurso.

Esta obra foi adxudicada por un importe de máis de 5,3 millóns de euros, e ten un prazo de execución de 16 meses. A partires desta adxudicación definitiva ábrese un prazo de 10 días para asinar o contrato de obra coa empresa adxudicataria. Posteriormente, xa se poderá comezar coa execución das devanditas obras. Cómpre lembrar que o proxecto do novo instituto do Milladoiro foi redactado polo Estudo Cid e Santos.

O novo IES construirase no EQ1 do sector S-16 (Galdrachán), nunha parcela de 11.780 metros cadrados, cedida gratuitamente polo Concello de Ames. Contará 16 unidades de Ensinanza Secundaria Obrigatoria (ESO) e 3 de Bacharelato. O edificio terá unha superficie útil de cerca de cinco mil metros cadrados e no proxecto está incluída a construción dunha pista cuberta e outra ao aire libre, ademais dun ximnasio de preto de 500 cadrados. O proxecto prevé tamén un aula de tecnoloxía de 120 metros cadrados, unha biblioteca de tamaño similar, varias salas para laboratorios, así como un aula de grandes dimensións para as clases de debuxo. No proxecto resérvase tamén un espazo de máis de 270 metros para dependencias administrativas.

A construción do novo instituto dará resposta ás necesidades educativas dunha poboación en crecemento como é a do Milladoiro. Cómpre salientar que os mozos e mozas en idade de cursar estudos de ESO e de Bacharelato que viven neste núcleo de poboación vense obrigados na actualidade a trasladarse ao instituto Eduardo Pondal de Santiago de Compostela.

A nova noutros medios dixitais:

Contido relacionado


El Correo Gallego: "O Milladoiro tendrá instituto en 2012 a la espera de colegio"
La Voz de Galicia: "La Xunta adjudica de forma definitiva el IES de Milladoiro"