Pestanas principais

Adxudícanse por 77.534 euros as obras de mellora dos camiños de Punxeiras Baixas, Seares de Abaixo e Sandar

Mércores, 24 de outubro de 2018

[24-10-2018] A Xunta de Goberno Local vén de adxudicar as obras do proxecto de mellora dos camiños de Punxeiras Baixas (Ortoño) e de Seares de Abaixo (Ames), que están incluídas no Plan de mellora de camiños municipais 2018-2019, á empresa Construcciones Ponciano Nieto SL, por un importe de 33.497,62 euros. Asemade, adxudicouse a realización da obra de mellora do camiño principal de Sandar (Agrón), incluída no Pos Complementario 2017, á empresa SYR-AMG SLU, por un importe de 44.036,62 euros. En total, nestes dous proxectos invístense 77.534,24 euros.

O proxecto técnico denominado Camiño en Punxeiras baixas e outros recolle a mellora de dous camiños: o viario de Punxeiras (Ortoño), que vai dende a escola unitaria; e o camiño que bordea o lugar de Seares de Abaixo (Ames). As actuacións previstas no mesmo van encamiñadas a incrementar a largura dos camiños, incidindo na mellora da seguridade e permitindo o cruzamento dos vehículos en zonas de curva de baixa visibilidade ou entroncamentos, e reforzar o firme existente, coa incorporación de novas capas das mesmas características que as existentes, as marxes dos camiños e terrapléns.

O camiño de Punxeiras Baixas, situado na parroquia de Ortoño, conta cunha lonxitude de 330 metros e un ancho de 3 metros. A actuación que se contempla no proxecto recolle a limpeza de gabias a ambas marxes da vía e a mellora da capa de rodaxe. Aplicarase un tratamento asfáltico superficial e rego de selado a toda a plataforma, previa reparación de fochancas, perfilado de mordentes e tratamento asfáltico semiprofundo.

Mellora do camiño de Seares de Abaixo
No lugar de Seares de Abaixo, situado na parroquia de Ames, os traballos realizaranse en dúas zonas: no camiño da estrada DP 0201 a Seares de Abaixo, e no camiño xeral de Seares de Abaixo á estrada DP 0201. No primeiro dos casos, actuarase nunha vía de 370 metros de lonxitude e un ancho de 4 metros. Ao igual que no camiño de Punxeiras Baixas, procederase á limpeza de gabias a ambas marxes e a mellora da capa de rodaxe. Tamén se aplicará un tratamento asfáltico superficial e rego de selado a toda a plataforma, previa reparación de fochancas, perfilado de mordentes e tratamento asfáltico semiprofundo.

En canto ao camiño xeral de Seares de Abaixo á estrada DP 0201, actuarase en tres treitos dos 835 metros cos que conta a vía. Ademais das melloras que se recollen tamén nos outros camiños, neste viario procederase ao previo emprego de 15 centímetros de zahorra, dez de grava e tratamento asfáltico semiprofundo en ampliación do ancho da superficie pavimentada a ambos lados, dentro da plataforma actual do camiño.

Arranxo do camiño principal en Sandar
Asemade, vaise a arranxar o camiño principal en Sandar, en Agrón, que conta cunha lonxitude de 1.600 metros e un anchura de 4 metros. Preténdese a mellora da capa de rodaxe con tratamento asfáltico superficial e rego de selado en toda a plataforma, previa reparación de baches e maila aplicación de quince centímetros de zahorra, quince de grava e tratamento asfáltico semiprofundo. Dito proxecto tamén recolle a pavimentación de dous abanicos de 15x5,00 metros con quince centímetros de grava e posterior triplo tratamento asfáltico.

Finalmente, contémplase a limpeza de gabias e salvagabias, a execución de 55 metros de cuneta de seguridade revestida de formigón, canalización de 147 metros de taxea de formigón de 40 centímetros de diámetro e execución dun pozo de rexistro con sumidoiro para o correcto drenaxe lonxitudinal e transversal, así como a colocación de 180 metros de banda dobre onda coas correspondentes terminais para defensa.

Para o concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, as actuacións a desenvolver en Punxeiras Baixas, Seares de Abaixo e Sandar axudarán a “conservar e mellorar as infraestruturas do rural, facilitando unha mellor accesibilidade e dotando de maior seguridade a estes lugares”.

Contido relacionado


Compostela 24 horas: "Máis de 75.000 euros para a mellora dos camiños de Punxeiras Baixas, Seares de Abaixo e Sandar"