[18-02-2019] A Xunta de Goberno Local aprobou o pasado 31 de xaneiro a adxudicación das obras de mellora do acceso ao lugar de Carreira e dos viarios no núcleo de Pedras, ambos situados na parroquia de Ames. Este proxecto foi adxudicado á empresa SYR-AMG SL por un importe de 118.034,53 euros. Estas actuacións están incluídas no Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (Plan único de concello) “POS+2018” da Deputación da Coruña.
O proxecto de mellora do acceso ao lugar de Carreira e dos viarios do núcleo de Pedras, na parroquia de Ames, pretende a mellora da capa de rodaxe dun acceso, dividido en catro treitos, así como un sobreancho con cinco centímetros de aglomerado en quente, previa reparación de fochancas e perfilado de mordentes, e previo emprego de dez centímetros de zahorra, dez de grava e tratamento asfáltico semiprofundo.
Ademais, o proxecto contempla a pavimentación dos viarios interiores, divididos en nove treitos, con cinco centímetros de zahorra e doce de formigón, previa demolición, nivelación e compactación do pavimento existente. Tamén se inclúe a execución de 474 metros e cuneta de seguridade revestida de formigón, baixo a que se canalizará tubaría de PVC de 315 mm de diámetro e se executarán 12 arquetas con sumidoiro para a recollida de augas pluviais, previa escavación dunha gabia e posterior recheo compactado da mesma.
Finalmente, contémplase a limpeza de gabias e salvagabias e a execución de 16 metros de caz de formigón con reixa para drenaxe, a sinalización horizontal con pintado de liñas en bordes e símbolos e unha partida para adaptación de pozos e arquetas á nova rasante.
O concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, afirma que “coas achegas deste plan provincial vamos mellorar os accesos ao lugar de Carreira e tamén acondicionar os viarios interiores da aldea de Pedras. O obxectivo é ir mellorando os camiños e pistas interiores das distintas aldeas do rural. Neste caso tócalle a estas dúas aldeas da parroquia de Ames”.





